Quantcast
Channel: A ÍNSUA DO ÍNSUA
Viewing all 101 articles
Browse latest View live

Entrevista

$
0
0

Deixo aquí este enlace coa entrevista que me fixo onte o diario dixital Galicia Confidencial, co meu libro sobre as Irmandades da Fala como motivo central.

Curiosamente, os comentarios á entrevista están case monopolizados por xente da onda de "Galicia bilingüe", que non fan máis que soltar burradas, argumentos de pata de banco, ignoracias sociolingüísticas varias e descualificacións ad personam que falan e explican máis por si mesmas que calquera comentario a xeito de resposta que puidese facer eu.



LIBROS NO TAMBUCHE (III)

$
0
0


O MIÑO. UN CAUDAL DE HISTORIA, de Anselmo López Carreira

Edicións Xerais ofrece na súa colección Libro X este ameno ensaio do historiador e recoñecido medievalista Anselmo López Carreira, vigués de nacemento (1951) e ourensán de infancia. Seguindo o percurso en diagonal do río Miño pola nosa xeografía e facendo “paradas” en moitos dos lugares emblemáticos das súas ribeiras, desde o nacemento no Pedregal de Irimia ata a desembocadura na Guarda, pasando por Lugo, Portomarín, Ourense, O Ribeiro, Tui, etc., o autor reconstrúe con rigor e brevidade moitos momentos, figuras, fenómenos e circunstancias da nosa historia comunal, sen deixar de deitar de cando en cando agudas reflexións historiográficas ou evocar aspectos do seu relacionamento persoal co río. O arqueolóxico mestúrase sabiamente co etnográfico, o económico co cultural, o propiamente histórico coa Galiza problemática de hoxe e así o libro vai debullando un sinfín de coñecementos enriquecedores que se presentan por xunto nunha prosa limpa e fluída. Unha magnífica achega para un verdadeiro “coñecemento do medio” galego.


A MORTE DE VALLE INCLÁN. O ÚLTIMO ESPERPENTO, de Carlos G. Reigosa, Javier del Valle Inclán e José Monleón

Tres ensaios de diversa fasquía compoñen este interesante volume sobre a figura do xenial Valle Inclán editado por Xerais. O primeiro deles, de José Monleón, fai, para comezar, un esclarecedor contraste entre a escasa compracencia coa que foi recibido no seu tempo o teatro de Valle Inclán e a posterior eclosión de entusiasmo que espertou nos círculos culturais e dramatúrxicos do antifranquismo. Na continuación, ofrece as notas dunha viaxe do propio Monleón a Galiza nos anos 60, á procura dos espazos valleinclanianos máis emblemáticos.
O segundo ensaio, o de Javier del Valle Inclán, neto do escritor, reconstrúe con minuciosidade, case día por día, os derradeiros meses de vida de Valle Inclán na Compostela de 1935 ata o seu pasamento o 5 de xaneiro de 1936, dando conta das relacións humanas, das excursións, das últimas xestións editoriais e dos penosos avatares médicos que afrontou o autor das Comedias bárbaras. Tamén dá conta das xestións para renderlle diversas homenaxes póstumas ao escritor e do impacto que a noticia da súa morte tivo en diversas publicacións e medios intelectuais e políticos da España e da Galiza desa época.
Por último, Carlos G. Reigosa reconstrúe o clima de tenso enfrontamento que rodeou o pasamento e enterro de Valle Inclán en Compostela, coa cidade polarizada entre os sectores clericais que non aceptaban que o escritor morrese sen confesión e intentaban impedir o carácter laico da cerimonia fúnebre e os sectores esquerdistas, que quixeron facer do soterramento do autor de Luces de bohemiaun acto reivindicativo. Nesta última perspectiva, destacou a nutrida presenza galeguista nas exequias, con Castelao, Antón Villar Ponte e Ánxel Casal á fronte.

CANDO LEVANTEN AS BRÉTEMAS, de Josip Mlakič

En coidada tradución desde o croata debida a Jairo Dorado Cadilla, a editora Hugin e Munin publica esta novela intensa e desacougante de Josip Mlakič (1964), en que o protagonista principal, Jakov Serdar, escribe por prescrición terapéutica psiquiátrica un caderno no que irá deitando as imaxes e intres máis relevantes do seu pasado, sexa inmediato, como integrante dunha pequena unidade combatente croata na guerra de Bosnia, sexa remoto, nunha infancia e adolescencia na Xugoslavia de Tito, cando non se albiscaban aínda as fontes polas que manarían os escuros odios do recente conflito nos Balcáns, que a novela retrata con ferinte precisión en moitas das súas páxinas.


SEIQUE, de Susana Sánchez Arins

A nosa compañeira sindical e activista Susana Sánchez Arins, que xa ten asomado varias veces ás páxinas de Aulas Libres, deu ao prelo da reintegracionista Através Editora o seu libro Seique. Brillante produto literario, que se presenta cunha fermosa capa da nosa deseñadora Rosa Herraiz e que lembra por momentos a delicadeza expresiva da Seda de Alessandro Baricco, é un libro capaz de superar con nota a dificultade de abordar máis unha vez o tema da guerra civil e da represión mercé a un coidadísimo e orixinal tratamento do material narrado, que procede en derradeira instancia de procuras inéditas arredor dun familiar que protagonizou infelizmente numerosos episodios do furacán de violencia asasina desatado no 36.
Ese tratamento foxe á mantenta dos cauces narrativos tópicos e habituais, organizándose por contra en secuencias mínimas, a xeito de microrrelatos ou flashes;enchéndose ora de lirismo poético, ora de reminiscencias teatrais, ora de apretada prosa testemuñalista, ora de xogos entre o pasado e o presente, peneirados polas lembranzas dos seres queridos. Susana fai un uso intelixente da repetición e de certos “ritornellos” expresivos e apela, en fin, a subtítulos cargados de forza, que actúan como balizas nun percorrido a cada máis dantesco e revelador. Pesquisa histórica, mergullo na memoria, nos silencios e nos danos familiares, dolorosa constatación e, tamén dalgún xeito, catarse de medos e violencias padecidas noutros corpos e noutras vidas, cuxo sacrificio e sufrimento non se apagarán xa máis grazas ao esforzo da nosa autora.

FIN DE FESTA, de Diana Varela Puñal

Autora dos poemarios Fíos(2006) e Animal Abismo (2010), ambos editados por Espiral Maior, e de varias pezas de literatura infantil, a avogada e escritora Diana Varela Puñal publicou recentemente en Laiovento unha novela breve, co título de Fin de festa. 

Está ambientada nas décadas finais do pasado século nunha vila mariñeira galega que ben podería corresponder ao Corme natal da autora e ofrece, ante todo, unha orixinal galería de evocacións na que destacan algúns seres peculiares, raros, especiais, solitarios e maiormente fracasados. Preside o conxunto, expresado con tenrura e grande viveza estilística por unha voz narradora-testemuña e no que alternan faíscas de riso e fíos de pranto, a protagonista Susi Arnela, unha noutrora moza admirada por todos que vive horas baixas con plena consciencia do seu paulatino descenso aos infernos.

CHEIRO DE CHOIVA, de Rodolfo Alonso

Méndez Ferrín é quen prologa este poemario do escritor e tradutor galego-arxentino Rodolfo Alonso, publicado pola editora Barbantesa de Cangas do Morrazo.
Rodolfo Alonso publicou o seu primeiro libro en 1954 (Salud o nada) e participou nas actividades culturais e políticas, en chave republicana, galeguista e de esquerdas, da Federación de Sociedades Galegas bonaerense, á que pertenceran, precedéndoo, figuras como Blanco Amor, Alonso Ríos ou Suárez Picallo. En 2006 deu un adianto na revista A trabe de ouro(nº 68) da súa produción na lingua de noso, que oíu falar desde o berce a seus pais emigrantes. Agora reúne un corpus de case medio cento de poemas galegos escritos nun amplo período de tempo, entre 1952 e 2014, con estéticas, xeitos de dicir e temas moi diversos, mais todos eles de grande rigor conceptual, depurada dicción e que resultan en moitas ocasións estremecedores pola profundidade e a emoción que encerran. Así, sen dúbida, aqueles nos que evoca as figuras de súa nai e de seu pai ou o que dá título ao propio volume.

CATRO LUGARES EMBLEMÁTICOS DO RÍO ULLA NA LITERATURA GALEGA

$
0
0


Cando en 1851 Marcial Valladares acolleu na súa casa de Vilancosta-Berres o xornalista e dirixente do movemento provincialista galego Neira de Mosquera, realizou con el unha serie de excursións e paseatas por diversos lugares da bisbarra da Ulla onde hoxe se ergue xa, en prodixioso desafío arquitectónico, a nova ponte da liña do AVE Santiago-Ourense: o Pico Sacro, San Xoán da Cova, as ruínas da torre de Cira e varios pazos (Ximonde, Ortigueira, Guimaráns, Vista Alegre e Oca). Neste traballo deterémonos nós tamén nalgún deses enclaves emblemáticos, ao fío do que sobre eles foi escrito polas plumas dos escritores galegos.

O primeiro deses lugares é Gundián, no actual concello de Vedra. Nel está encravada, na parroquia de Santa María Madanela da Ponte Ulla, a igrexa santuario da Virxe de Gundián, cuxa traza presente corresponde ao século XVIII. Este templo é escenario desde tempo inmemorial dunha concorrida romaxe, na que non faltan misas, procesión, ofrendas, xente que sobe a empinada costa descalza e de xeonllos ou viste de defunta, ou acompaña os “enmeigados”, nais que lavan os seus picariños na fonte milagreira, gaiteiros, foguetes, zanfonistas, música de banda, bailes, aturuxos, repenique de campás, cánticos, solta dun globo de papel, rosquilleiras, panadeiras, mulleres que venden froitas, pelexas entre mozos borrachos e xogos eróticos na escuridade da atardecida: “Abotona esa camisa; / Tápat’o seo Xacoba; / Non coiden os que te vexan / Que ves de San Xuan da Coba”, sinala neste sentido unha das cántigas da Ulla recompiladas por Marcial Valladares…

Varios autores pintaron retratos deste ambiente caótico e confuso, pero ao mesmo tempo embriagador e inesquecíbel, que rodeaba esta e outras romarías máis ou menos próximas xeograficamente (as Dolores de Ortigueira, o Sacramento, a Santa Eufemia, o San Breixo, a romaxe do Corpiño, etc.). Avelina Valladares, por exemplo, escribiu:

Aquí ónse denoite en todos sitios
resonantes atrujos, cantinelas:
son os mozos que van pr'as espadelas
co-as mozas ô serán paliquear,
n'a man levan de palla bós fachucos
que con mistos acenden n'o camiño
e subrazo, ademais, longo sachiño
pra ô deño tentador arrenegar.

(…) ¡N'as festas...! É de ver globos pintados,
refulgentes estrelas arrojando,
fortes bombas n'as nubes estoupando
e foguetes con luces de color,
gaiteiriños âs gentes atraëndo,
qu'en moreas acóden ás ruadas,
c'o fondiño a hucha ataviadas
sin que o ataque polilla nin valor.

O Marqués de Figueroa, nos seus “Relembros d’a terra ullán”, dedicoulle versos como estes:

“Terra Ullán quirida
de xogos e festas,
acórdasm'os días
d'antroidos e lérias;
de feira en foliada
de romax'en feira (…)
De Gundián n-o alto
a ermida branquexa,
e sal ô camiño,
d'os que van pra ela,
a Santa d'a Ponte,
santa feiticeira,
qu'é sostén e guía
n-a senda que levan,
tantas que n-o val,
- chamen como queiran-
merecen chamarse
tamen Manadelas! (...)
 C'os ollos de neno,
n-o lonxe, moi lonxe
Gundián, eu te vexo!...
¡Cántas veces fun
de Gundián ô tempro!
De neno n-o colo,
por meu pé, pequeno,
e cánto qué dera
por ire de vello!”.

Pola súa vez, Benito Losada, en Soaces d’un vello, insire un longo poema descritivo intitulado precisamente “A festa de Gundián”, que di así nun dos seus fragmentos:

“(…) Mírase end’alí chegando,
qu’é moi pequeniñ’a igresia,
mais, ¿qué lle fai, si gardada
ten á maor d’as grandezas?
O parax’é tan garrido
que ningún se ll’asemella;
pois, anque moi afundido
s’atopa entr’as altas penas,
vens’alí leiras, cortiñas,
parras e unha carballeira.

E, por último, Neira Vilas, no seu libro Pan, rememorará a visita que fixo a Gundián de neno, na entrañábel compaña da súa nai, pouco antes de que se desatase a guerra do 36:

“Disque era por mor do asombramento ou pra escorrentar algún inzo de piollos. Disque por todo eso aboga a Virxe de Gundián, tratánndose de nenos. Disque a terapéutica do seu milagre está baseada - chisco máis ou menos- en oito partes de auga e dúas de rezo. Non sei se no meu caso houbo ofrenda. Non chegaches a decirmo. Pero ese día alá fomos caneando. E na banda de atrás da ermida vin rapaciños encoiro que eran lavados baixo do picho dunha fonte de pedra.
Houbo procesión e monifates e bailas. Houbo algo de pulpo, campá, guardias en parella. Houbo mulleres darrastro, homes con cirios e sermón de arrouto, axeitado pra unhas vísporas de guerra....
Entre tanto barullar e ir e vir, batemos co vello dos enredos, cuia tenda era un mantelo branco estendido na erba. E sin volta ni relea mercaches pra min aquel remuíño do trinque. Quedéi pampo co feito pois non se tiña dado que tivese un xoguete da feira (...) E inda lembro con lonxano engado aquel día de Gundián”.

Elemento atávico asociado a estes encontros festivo-relixiosos na Ulla foron sempre as pelexas de mozos de distintas parroquias. Relata Castroviejo en Memorias dunha terra: “Unha tarde de calores, xa medio mozo, fun á Romaría de Santa Eufemia que cae polo setembre. Santa Eufemia era moi sonada en toda a Ulla, e sempre remataba en liortas, con paos e tiros por parte da mocidade dunhas e doutras parroquias. ¡Enzarzábase Sarandón con Ponte de Vea, e Teo con Vaamonde, que era unha gloria! Se por casualidade fose tranquila, dicíase que aquel ano a festa non tivera color”. E noutro dos capítulos do mesmo libro, engade a propósito de certo personaxe popular chamado Agustín de Reies:

“(…) ía tamén a cabalo ás romarías, para oír as bandas de música, que escoitaba atentamente; a súa favorita era a de Merza. Unha noite, despois de tocar esta, ao tocarlle o turno á de Arca armouse unha liorta entre os melómanos dunha e da outra. Foi na festa do patio de Santa Cruz de Rivadulla, que ten lugar os dezanoves de setembro no patio do Pazo Grande do marqués, que está nese día aberto a todos, incluíndo a avenida das oliveiras e o bosque de Palacio. Agustín de Reies, que se vía apurado por írenlle enriba os mozos de San Miguel de Sarandón e os de Silleda, saltou sobre o seu cabalo, un castaño brioso con estrela branca na testa que entendía por Luceiro, e dende aló arremeteu a uns e a outros cunha moca, descalabrando a máis de catro. A xente correu e os músicos refuxiáronse debaixo do palco. Foi detido pola garda civil, e mirouse logo en apuros para saír do paso”.


O segundo dos lugares emblemáticos que queremos traer a colación é San Xoán da Cova, que non debe confundirse co lugar homónimo do concello lugués do Saviñao, famoso pola calidade excelsa dos seus viños tintos e pola fermosura das súas paisaxes, que cantou en verso e glosou en prosa o inmenso escritor Manuel María. Sobre o enclave do Ulla, fronteiro a Gundián no propio concello de Vedra, escribiu Benito Losada:

Quen dend’a Ponte d’a Ulla
volva os ollos cara ó norte,
verá dous altos penedos
que forman cuase outra ponte.
Parece que d-a montaña
den’os homes aquel corte
pra lle deixar pas’o río,
qu’alí estreito e fondo corre.
Vese n-unha veira un pozo,
que d’inverno as augas cobren,
chamado San Xuan d’a Cova,
que á os penedos dalle nome.
Gundián érguese á direita
branquexando dende lonxe;
á izquerda a serra d’o Pico
que ó sol, moitos vidros loce (…)

E noutro poema do mesmo libro Soaces d’un vello, aínda engadiu:

Preto está San Xuan d’a Cova,
que así un pozo se nomea
moi fondo, que as xentes todas
contan qu’é tobo de meigas.
O río á súa veira pasa,
roxindo por antr’as pedras;
e, pardiolas, que pon medo
a quen dende enriva o vexa (…)

Alfredo Vicenti, en “A las orillas del Ulla”, describe o lugar de referencia da seguinte maneira: “El estrecho de San Juan da Coba es una puerta natural que separa a dos hermosas rivales. A través de la pintoresca hendidura, la Ulla baja, señora de los valles, islas y colinas de Occidente, y la Ulla alta que extiende por el Este sus fértiles y acaso melancólicas llanuras se miran con recelo, recordando vagamente sus antiguos odios feudales”. Pola súa vez, Otero Pedraio, na Guía de Galicia, acrecenta:

“Los derrames del Pico estrechan con el monte Castro el cauce del Ulla entra altas y rocosas paredes, aguas arriba e inmediatas a Ponte Ulla, donde pasa el río la carretera de Orense, paisaje estropeado por el gran viaducto del ferrocarril, muy repetido en el grabado. Cerca del monte Castro y de Dornelas aún se alza la ruina del castillo de Cira, levantado en los días de Gelmírez, feudo de la iglesia de Santiago, y después de las casas de Altamira y Sessa. En el estrecho de San Xoán da Coba, que así se llama, vivió anidado entre los formidables peñascos de la margen derecha sobre el río, un cenobio de aquel nombre, habitado desde el siglo IX por ermitaños de la regla de San Agustín. En febrero de 1571, una excepcional avenida del río derrumbó el cenobio, que no volvió a edificarse. Cerca del Pico, en Vilanova pasaba temporadas de descanso y falleció santamente, el ilustre historiador D. Antonio López Ferreiro, el domingo de Ramos de 1910, en su breve y campesino pazo”.

En terceira instancia temos o Pico Sagro(530 metros de altitude), tan vinculado ás orixes do culto xacobeo e ás da propia cidade compostelá. Antonio Balboa tense debruzado no volume A raíña Lupa (2005) sobre as orixes pagás de Santiago de Compostela a través da análise dos relatos fundacionais ou da translación que chegaron aos nosos días, sobre todo os recollidos no libro III do Códice Calixtino, que xa foran obxecto de glosa ortodoxa por autores como Manuel Vidal (cf. La Tumba del Apóstol Santiago). Neses relatos aparecen unha serie de elementos, máis míticos do que históricos certamente, que se relacionan de xeito máis ou menos directo con enclaves situados nas marxes ou proximidades do noso río Ulla: a barca de pedra que conduciu o corpo do Apóstolo desde Palestina ata o lugar de Bisria, na confluencia dos ríos Ulla e Sar (“in locum Irie inter duos riuos Ulia et Sare”); o enfrontamento de varios discípulos do Apóstolo (Torcuato, Anastasio, Tisefón…) cun dragón que habitaba no monte chamado Illicinus (das Aciñeiras, pois), probábel centro de cultos druídicos axiña rebautizado como Mons Sacer (o actual Pico Sagro); os requirimientos que eses mesmos discípulos do Zebedeo formulan para obter lugar de soterramento para os restos apostólicos á raíña pagá Lupa, Luporia ou Luparia, quen acaba abrazando a nova relixión tras reiterados intentos de engano, o derradeiro dos cales consistiu en ofrecerlles para o transporte da arca marmórica uns bois bravos (indomiti) que, no entanto, tornaron mansos perante o sinal da cruz; etc.


De novo a visión do xeógrafo Otero Pedraio sérvenos para presentar sinteticamente o imprescindíbel enclave:

“Domina los paisajes del Ulla la silueta del Pico Sagro, la cumbre más bella y simbólica de Galicia, visible en la composición de extensos horizontes desde Castro Dozón, el Faro, Friol, Melide y el Bocelo, el Mesón do Vento, la subida de Rois y el valle Quinta hacia Noia, pero más familiar en el Ulla, en que parece imponer al paisaje una elegancia especial. Este pico, de entraña de cuarzo blanco, envuelto en tenue capa de tierra, con un denso manto de pinares en sus flancos, se alza y ahusa, azul con la distancia, y en su cumbre, sólo adornada con algunos sobreiros o alcornoques, se encuentra la ermita de hermosos arcos y capiteles románicos de San Sebastián. El Pico conocido en la antigüedad latina, fue escenario de la evangelización por el Apóstol, quien, con sólo la señal de la Cruz, hizo caer inútil al tremendo dragón que lo habitaba, símbolo de la paganía (…) En el Pico hubo castillos dominadores; amenazó y defendió a Santiago, pero la historia guerrera cede ante la belleza de la leyenda y del horizonte. En los días claros se pueden vislumbrar las ventanas del convento de Santa Clara y el conjunto de los grandes edificios de Compostela, agrupados en torno a las torres basilicales.
Se ven los contornos lejanos, dibujados por las vagas planicies del Norte con Castromór, la dorsal del Faro hasta la Martiñá, la tierra de Montes con sus clásicos perfiles, el grave Pindo que anuncia los horizontes marinos. Se sospecha la articulación de los valles hondos y es grato corresponderse con el castro Marcelín y las numerosas ermitas que coronan las alturas sobre el valle, como Nosa Señora do Amparo, cerca de Oca; San Sebastián de Loxo, el Corpiño, el San Sebastián de tierra de Montes. El peregrino de Santiago debe realizar, como hacían los antiguos, la subida, que es cómoda desde el mesón del Sol, cerca de Ponte Ulla, pasando por cuestas de viñedos, por la hermosa fuente de encantador barroquismo popular, cantado por Marcial Valladares. Valentín Lamas Carvajal dedicó estrofas al bello monte, y Vicetto prosas admirativas. La misa del pueblo la envuelve en flores de cancionero y en refranes. Cando o Pico Sagro pon o capelo- mociñas da Ulla vestide o mantelo”.

Ducias de lendas rodean, efectivamente, este monte: sobre o ouro que encerra e que só pode collerse se o deixa ao descuberto un raio; sobre os castigos que agardan a quen ouse profanar co ferro a súa entraña mineral; sobre esas súas furadas e covas como agocho dos raios, lóstregos e tronos das treboadas que se desatan de cando en vez na contorna; sobre os mouros que se ocultan nas cavidades das súas rochas, agochando inmensos tesouros; sobre cerimonias druídicas arredor das aciñeiras que lle daban nome antes da cristianización (Mons Illicinus); sobre as propiedades curativas dos seus aires, disque sanadores do tangaraño; etc. Ademais de fornecer materia para unha rica literatura popular lendaria e fantasiosa, o Pico foi desde sempre para as xentes da bisbarra indicador meteorolóxico moi fiábel, como poñen de manifesto refráns e coplas recollidas por Valladares no século XIX: “Cando o Pico Sagro pon touca, auga temos, pouca ou moita”; “Cando o Pico Sagro pon capelo, meniñas da Ulla, cubride o mantelo”; “A chover vai de seguro, / qu’o Pico-Sagro ten touca. / Leva, meniña, a facenda, / qu’a chuvia non será pouca”; “Malla sen medo, se o capelo do Pico vai pra Lestedo; pero con ánsea, se vai prá Granxa”...

Manuel Vidal Rodríguez, no seu estudo La Tumba del Apóstol Santiago (1924), dedica varias liñas á grandiosidade desta caracterizada montaña galega, desde o cumio da cal

“(…) hacia el Oriente primero, y hacia el Norte después, gózase el curso del Ulla, que como cinturón de plata, va ciñiendo los viñedos, pinares, praderas y campos de mieses de aquella comarca, una de las más ubérrimas, hermosas y características de Galicia.
Jamás he sentido la emoción de los grandes cuadros de la Naturaleza, como el Océano visto desde el Cabo de Finisterre, una apacible mañana estival, y un día entero de primavera, la cuenca del Ulla, las espléndidas perspectivas y las fantásticas lontananzas que desde el Pico Sacro se admiran”.

Como xa indicamos, no volume memorialístico de edición póstuma Dos meus recordos, de García Barros, aparecen varias páxinas dedicadas ao Pico Sacro, datadas en 1955, que merecen traerse a colación por revelaren perfectamente a fonda devoción panteísta e a forte influenza espiritual que a montaña exercía ou espertaba, probabelmente máis antes do que agora, nos habitantes todos do val:

“Era, ou debía ser ben pequeno cando meu pai me levou ó Pico Sagro. Dende a miña casa non se vía, pro un pouco máis arriba, dende as veigas onde andabamos co gando pola corda, ou dende as toxeiras onde, se cadraba o botabamos ceibo, víase todo enteiro dende os pés á cabeza. Nos días de sol facíanos de coadrante pois, cando a sombra dun guiaba dreita ó máis salente da punta non eran as doce de todo, pro estaban a caír. E tamén de “pronóstico” pois ó pousárense alí as brétemas era, e segue sendo, sinal de mal tempo.
A impresión que nos daba, a min ó menos, a vista do Pico Sagro non era a dun monte coma os demais que viamos senón a dun altar facéndolle de camarín ás aldeas que figuraban pequeniñas, pousadas por il arriba ou, máis ben, a dunha Nosa Señora sentada, coma as que viamos nos cruceiros, cuio manto, cubríndolle cabeza e ombreiros, se ía ancheando e alongando hastra pousarse no río Ulla que pasaba bicándolle os pés (…)”.

Prudencio Canitrot, no seu Rías de ensueño, ofrece tamén en 1910 a súa particular visión desta mítica elevación da paisaxe galega:

“Nuestra charla no nos impide contemplar cada vez más cerca, cuando pasamos por Morrozos, el Pico-Sagro, el monte que en otros tiempos infundía á los habitantes de la región, más que gentílicas supersticiones, un fervor cristiano. La carretera le va arrodeando. Su mole, noble y ungida, se eleva al cielo con gravedad, como las plegarias de nuestros antepasados, que desde su más alto pico lo saludaban diciendo: Pico-Sagro, Pico-Sagro / sáname este mal que eu trago.
Allí, junto á los que hoy son restos de una capilla de la que únicamente subsiste el fastial, se amansaron los toros bravíos que á instancias de Lupa soltaron los gentiles contra el cuerpo del Apóstol Santiago, que venía desde Jerusalén. Allí se obró más de una vez el prodigio, y hoy como antes, desde su altura, se obra el de contemplar la maravilla del valle del Ulla, cruzado por un río y circundado á lo lejos por el Barbanza (...)”.

E outro tanto fai, enDel solar galaico, Xoán Armada e Losada:

“Esbelta traza la del Pico, guía para los que vienen de muy lueñe buscando la ciudad famosa, también sacra, oculta en su proximidad. Entre otros montes y sobre ellos, se alza el enhiesto picacho, verdadero centro, que si aparece serlo de los lugares, no menos lo es de las historias [Allí estaba el castillo de doña Lupa, origen que se supone de la casa de Lobeyra] (...) donde muchas veces hallamos con el recreo de la vista, incomparable solaz del espíritu; visión espléndida la que, dominando tierras de mariña y de montaña, divisa tantas, entre las que destaca el Sagro Pico, próximo al confín del horizonte, y se abren, por otro lado, valles y encañadas que van a perderse en el mar”.

Marcial Valladares
No alto do Pico erixiuse unha ermida que chega aos nosos días e houbo, en tempos, unha torre ou fortaleza, a de Cira, á que alude Valladares como de 30 metros de alto, esboroada a comezos do século XIX. Cabo da citada ermida, sitúanse dúas fontes, unha preto do propio templo, cabo de dúas sobreiras (“A fonte d’o Pico-Sagro / gardan düas sobreiriñas. / Bénia a quen alí as puxo / ó pé d’aquelas auguiñas”, recolle Valladares), e outra, a chamada “fontiña de Santiago”, que dispuxo en tempos dunha fachada de cantería mandada facer polo cóengo compostelán Pedro Valdés Feijóo, que recollía gravados diversos motivos icónicos relacionados coa lenda xacobea dos discípulos Atanasio e Teodoro, os bois, o dragón e a raíña Lupa... O poema “Á fonte do Pico Sagro”, composto por Marcial Valladares en 1851 e recollido no “Mosaico poético” do Álbum de la Caridad (1862), di así:


Fontiña d'homilde traza
en que o pastoriño ullán,
saltando pola carpaza,
a beber chega no vran
e ó lado teu se solaza;

Baixo esas dúas sobreiras,
decote xuntas amigas,
adorno destas ladeiras,
coma ti non tan antigas
pro coma ti hospitaleiras;

Aquí onde novato añiño
descansa tal ves, e soa
flauta daquel pastoriño,
mentras a abella alá zoa
de frol en frol, ó soliño;

A abella, no lindo manto
pousando de carmisín
que o Pico se viste ó tanto
e colga cal faldrellín
pregado en cada recanto.

Filla desa altura agora
Pico Sagro nomeada,
Mons sacer cando en mal hora
mina era súa esplotada
do mundo pola Señora;

Viciña da erguida Serra
que en tempos disque abrigou
mouro de condición perra,
rico co grau que roubou
ós propietarios da terra;

Ti que xa aí ruxirías
día en que plugeu o ceo,
achasen nas cercanías
discíplos de Zebedeo
as alimañas bravías,

Os touros e gran dragón
que medo estonces causaban
e de Lupa de Padrón
suntuosas casas gardaban,
nárranos a tradición,

Touros que, ante a Crus coutados,
en Compostela puxeron,
de varóns santos guiados,
restos que estes nos trouxeron
de seu Maestro embarcados;

Fontiña do Pico ás beiras,
testigo continuo acaso
de canto destas ladeiras
o vulgo, facendo caso,
refire de mil maneiras.

Dime que man benfeitora
ese pilón e pichiño
che regalou que namora
e onde, cal nun espelliño,
ves túas sobreiras agora.

¿Foi man romana, mouruna,
d'ermitaño caridoso,
ou man quezais por fertuna
de profeso relixioso
en siglos que a fe s'impuna,

Cando nesa altiva cresta,
que doura o sol ó nacer,
erguíase entre a frolesta
torre de bon parecer,
templo, de que nada resta;

Irexa de monasterio
en que a Xesús adoraba
monxe de semblante serio
que barba longa lle daba,
á par de certo misterio?

Filla da escarpada roca,
dimo, s'é que hoxe t'acordas,
que a remollar miña boca
e do peito as secas cordas
o teu raudal me provoca,

Ese afundido pilón
e tosco picho... Pro di,
di que ó agareno non,
a algún bautizado si,
debes a túa ereución.

Dimo xa, Fontiña, dimo,
sin que a vergonza t'arrede,
e quitareiche eu o limo
mentras oíndote, a sede
apertadora reprimo,

E o labio ó picho porei
que xente nosa labrou,
xente de cristiana lei
seguro non o luxou
bico de mouruna grei.


Na ermida do Pico Sagro, baixo a advocación de San Sebastián, celébrase o derradeiro domingo de maio unha concorrida romaría, que o escritor de Vilancosta glosou en diversos textos da súa autoría, como as “Cántigas da Ulla” (“¡Canta xent’alá n’o Pico, / d’o Pico-Sagro n’a cima! / Parece un pucho de rosas / caído sobr’unha piña”) e a novela Majina, en que lemos:

“Era o día vintesete, día de romería no Pico Sagro e, subindo a aquela altura de dous mil cento trinta e oito pés sobre o nivel da mar, altura onde según lendas e tradicións do país habitaron antiguos mouros e disque algún habita aínda; onde en novecentos catorce fundou o obispo Don Sisnando menesterio de benitos; onde en mil oitocentos trinta e un o arzobispo compostelano Fr. Rafael Veles mandou poñer, e en primeiro de Novembre daquel ano púxose no curuto mismo, unha gran crus de pau para que os pasaxeirol-a adoraran, feita astelas por un raio o sábado de Ramos de mil oitocentos trinta e seis; rubindo por aquel monte cuberto de carrouchiñas frolidas, queiroas e recendentes tomelos, acudían de moitos lados, por diferentes carreiros, devotos que iban a visitar ó santo San Sebastián, algúns hasta con ofrendas, todos a rezarlle, a oirlle misas na súa solitaria ermita, único que hoxe se ve alí, pousado coma unha pombiña branca ó pé da cresta”

Explica o mesmo autor que baixo as sobreiras da fonte, cabo da ermida, ou no pasadizo que corta a crista do monte, coñecido co nome de “rúa da raíña Lupa”, adoitaban os romeiros buscar sombra ao mediodía. García Barros evocou igualmente esta romaría no volume Dos meus recordos:

“Era o día da festa do Santo do Pico, San Sebastián, que ten alí a súa capeliña, soitaria, anque aquel día non o estaba. Había bastante xente, algunha escoitando a misa, a mais dela dende fóra, pois na casuca do Santo ben pouca podería caber; outra sentada por alí formando roda ó redor dun mantel ou servelleta con pantrigo, tomando a parva e escoitando os violíns dos cegos e as copras cheas de inxenio que descurrían pra que lles botasen unha codia na pandeireta, que non decote era do pantrigo que estaba á vista senón que moitos, ou mellor dito moitas, levábano da casa, do de millo, pra istes mesteres. E outros, prencipalmente homes, adicados a sobir ó cumio do monte, ou a baixar do mesmo. Eu tamén fun, non faltaba máis. Sei que por algún treito subín a gatas agarrándome ás carpazas, indo meu pai detrás, que non me deixaba de ollo. Ó pórme de pé na cima e ver dun golpe todo canto dende alí se vía, quedeime abraiado (…) Tamén fomos a ver a cova e tiven o valor suficiente pra chegar por ela a onde dá a volta cara abaixo e tirar a miña pedra escoitando como zoaban os golpes que iba dando contra os penedos da fondura”.

E fundindo o seu propio devir biográfico coa constante referencia ao monte que nos ocupa, o Marqués de Figueroa regalounos un sentido poema ao que pertencen estas estrofas: 


Pico Sagro a qu'eu subín
sendo moi pequeno aínda.
Entre néboas, moi ó lexos,
¡cánta terra descobría!
nobres ilusiós d'a y-alma
despertadas pol-a vista
d'as líneas, côres e trazas
que non eran as que tiñan
as cousas, qu'eu por meu mal,
ben logo coñecería;
as qu'habría de mirar
moitas veces, ben axiña,
corrend'a terra d'abaixo
dendesde Vedra hastr'as rías,
indo por montes moi lexos,
a parare n-a Mariña;
¡todo corrín e mirei
sin achar o que quería!...

Volvín ô Pico máis tarde,
e xa topei nova vida,
ben coidara d'escoller
a mañán d'un craro día;
ardente brilaba o sol,
e ind'a terra parecía
mais probe, que cand'as néboas,
n'aquela mañán cativa,
encobrindo a realidá,
despertando a fantesía,
eran ilusiós tamén
que o qu'encobren enfeitizan!

Así n-o andar d'a hestórea
tras ilusiós d'a infanza,
os desengaños veñen,
xentes e cousas cámbean;
e así os guerreiros bravos,
que dend'o Pico alzaran
c'o castel'o poder,
n-as terras Galicianas,
deixaron n-o castelo,
arnés, espada e lanza;
¡Fuxir triste d'as cousas!,
¿n-a vida, qué non pasa?...

Se no Pico morreron
ensonos, esperanzas,
n-a cova as rescataron
volvendo pol'as almas,
ô darlles nobr'empreo
moi santas insinanzas;
exempros de virtudes,
penitenzas, pregarias,
de San Xoan n-o mosteiro,
entr'as penedas bravas,
onde d'o rio Ullán
pasan fondas as augas,
refrexo d'unha vida
recollida, calada,
ô pé d'o Sagro Pîco,
n'a cova tamén sagra!...
Nin castelo hay xa n-a cima,
nin mosteiro hay xa n-a cova;
son só reliqueas que gardan
os espíritus, mamorias;
veñen d'os abós a os pais,
e por testigos envocan,
mais que as pedras, os penedos
que non hay poder que mova;
forza que resist'en pé
d'o tempo cualquera forza;
soment'e poder maior
que o d'a natura e d'a hestórea,
o nobr'espritu d'a lenda
que vencer aquelas logra!

O derradeiro lugar emblemático das marxes do Ulla na bisbarra homónima que queremos citar é a aldea de Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, cabo da Ponte Ledesma ergueita no século XVI onde tragaron orgullo nos comezos do XIX as tropas napoleónicas e preto do Castromouzo, montaña envolta en mil lendas que Neira Vilas evoca con estas palabras:

“Dende a cima da croa ollabamos o Pico Sagro, as reviravoltas do Ulla e do Deza, as aldeas e os agros. Recordamos as lendas que contaban os avós tras do lume sobre encantamentos, trabes de ouro e de alquitrán, tesouros, meigas, ananos e aquel fondo retumbar cando de rapaces un poñía a orella a rentes do chan e outros batían os zocos no coiro do monte. Moitos anos antes - contábase - fixéranse escavacións e disque apareceran algunhas pezas de ouro, algunhas xoias de centos ou milleiros de anos. Pero iso mesmo dicíase do coto do San Martiño, e da Madanela, e da Pena Andoriña, e ninguén vira nada”.

No poema“Contan de Gres”, o mesmo citado autor sintetiza as variadas reminiscencias históricas que se concentran neste punto do noso río:

Que Xelmírez andou estes lugares;
que o señor de Leis foi mendicante;
que nas insuas moraban sete meigas;
que unha enchenta arramplou a vella ponte;
que a alma do marqués sigue no pazo;
que os salmóns competían río arriba;
que na croa acháronse tesouros;
que os veciños loitaron cos franceses
e que aquí houbo un Camiño de Santiago”.

Xa cando regresara a Gres por vez primeira en 1972, logo do longo periplo en terras americanas iniciado en 1949, escribira no seu dietario, publicado en 2006 co título de Vinte anos retornando:

“Gres. Chego por fin a este recanto fluvial onde me naceron. A dos ríos Ulla e Deza. A da ponte medieval. A do Castromouzo. A dos nosos antepasados que se enfrontaron valentemente ás tropas de Napoleón Bonaparte. A das casonas da Torre e de Vista de Leis e do pazo de Calderón Collantes. Gres, ese estraño topónimo que xa se mencionaba en documentos de 1.116. Encrucillada de camiños que gobernaba a familia dos Sánchez de Gres hai novecentos anos (…)
Camiñamos por Gres adiante. E por Ledesma, na outra banda do Ulla. Disque as montañas arredan e os ríos unen. É certo. Ledesma pertence a Boqueixón, na provincia da Coruña, mais a división administrativa non conta nisto. É a mesma comarca. Somos todos uns, unidos por este val profundo (…) Observo que trocaron os seixos rosados da ponte medieval por feas lastras nalgúns tramos e noutros por cemento. Dóeme esa chafallada porque esta ponte resulta emblemática para min (que ata lle dediquei os meus primeiros versos de adolescente) (…). Baixamos ás insuas-carballeiras, atravesamos pontes e pasais e escoitamos o eterno murmurio do río multiplicado”.

No lugar, efectivamente, deita as súas augas no noso río o poderoso afluente Deza, que vén desde a Madanela de Montes (Forcarei) e localízanse, ademais, as famosas insuas que serven de escenario para diversas efemérides comunitarias, como son a celebración do San Ramón, a convivencia anual da Banda de Música da Ponte Ledesma, a Romaxe dos Crentes Galegos do 15 de setembro de 1984, e, desde 1997, a comida anual á sombra dos carballos en honra de Anisia Miranda e o propio Neira Vilas. No mesmo marco tivo lugar, o 18 de setembro de 1999, a homenaxe que a Asociación de Escritores en Lingua Galega lle rendeu ao autor de Memorias dun neno labrego, fillo desas terras e desas augas, dentro do ciclo “O escritor na súa terra”: instalouse un monolito con versos seus nas propias insuas, bautizouse unha rúa de Vila de Cruces co seu nome, houbo acto solemne no Concello de Vila de Cruces e celebrouse un xantar multitudinario co rumor do río como música de fondo…

A “Casa do romano” en que Neira Vilas naceu, que fora albergue de peregrinos xacobeos no Camiño da Prata durante os séculos XVIII e XIX, foi doada por aquel en 1990 coa condición de que se restaurase e se crease nela unha biblioteca pública. A restauración foi asumida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e levada a cabo polo prestixioso arquitecto César Portela. Colocouse simbolicamente a primeira pedra o 30 de xullo de 1991 e o 11 de novembro de 1993 inaugurouse o novo local. En xaneiro do ano seguinte, a Fundación Neira Vilas celebrou a primeira das súas actividades públicas, a presentación da tradución para galego da obra de Alejo Carpentier O Camiño de Santiago, e desde aquela ata hoxe mesmo converteuse nun máxico emporio cultural en pleno corazón da Ulla, con biblioteca, museo etnográfico, constantes visitas escolares, presentacións de libros (amiúde títulos que teñen que ver directamente coa bisbarra, como o Santiago de Gres e arredores, de Henrique Neira Pereira), recitais de poesía, representacións de teatro, convocatoria de diversos premios de poesía e teatro infantís (“Arume”, “Estornela”), etc. Só é de lamentar que a recente morte de Xosé Neira Vilas teña privado ese espazo do seu máis entregado e entusiasta animador.

No primeiro cabodano de Luís Rei. Pequeno caderno de poesías

$
0
0
Luís Rei no VII Encontro de Embarcacións Tradicionais, Cambados 2005. Fotografía de Isabel G. Avión.
Na madrugada do 10 de agosto de 2015 morría no Hospital Provincial de Pontevedra, vítima dun cancro e tras anos de combate, o noso inmenso amigo Luís Rei. 

A piques de cumprirse o primeiro aniversario deste doloroso feito, quero dar a coñecer e compartir neste caderno de bitácora un pequeno monllo de poemas que escribín naqueles aciagos días, presentindo primeiro a perda e sufríndoa logo en toda a súa dureza.

Este mércores 10 de agosto de 2016, a iso do mediodía, depositarei na tumba de Luís no cemiterio de Ogrove, na compaña dos meus, un ramiño de flores vermellas, para que saiba que a vida e a loita continúan coa súa presenza imborrábel enchéndonos o recordo.


PARA LUÍS REI
(22.4.2015)


Por se non cho digo antes de que marches
ou por se o deixo sen dicer antes de irme eu
déixoche isto escrito, coa miña sinatura máis firme:

Fixéchesme saber, medrar, rir.
Déchesme alento, forza, consello.
Sentinte amigo, irmán sempre.
Naveguei nos mares da vida ás veces
sentindo a túa man firme no temón
a túa voz na alta noite soidosa
o teu apupo entre os neboeiros.

Déboche mil apertas fraternas
e mil vasos compartidos de viño irmandiño
para brindarmos por este anaco
minúsculo da Historia con maiúscula
que fixemos xuntos,
camaradamente obreiros
dese mundo mellor, máis libre e xusto
que terá de vir axiña
para que o gocen
os netos dos nosos fillos
e os fillos dos nosos netos,
en eterna lembranza
deses seus devanceiros loitadores
que fomos nós
unidos pola caricia da brisa donda
nas tardes do verán cambadés
e polo incendio
das nosas raíces de salitre unidas
que xa arden para sempre
nos nosos corazóns
como os versos de Cabanillas,
tamén eternos.



LUÍS A MORRER
(4.8.2015)


Polo teléfono
entrégasme
a túa despedida.

Sen poder conter o pranto
unha aperta oceánica
viaxa polo éter
atoutiñando.

Sangran os recordos
agolpados no valado
en que a túa vida
rompe definitivamente
o fío invisíbel.

Noto o inmenso afecto
que che teño
derreténdose en bágoas
desconsoladas


CON LUÍS, NO HOSPITAL (I)
(5.8.2015)


Sei que me aferro
a un imposíbel;
para soster esta esperanza
peco mil veces de inxenuo,
mais, ¿como asumir, se non,
a inmensidade do vacío que axexa,
a soidade fraterna
infinita e dura
que me agarda, famenta,
cando xa non esteas?


CON LUÍS, NO HOSPITAL (II)
(6.8.2016)


Abandono o cuarto do hospital
que acolle a túa conta atrás definitiva.

Entro no ascensor rodeado de xente anónima
que moula tamén en silencio
as súas propias angurias.

Saio á rúa na tarde
incendiada de luz
deste día de verán pontevedrés

(as nubes silandeiras,
as verdes árbores ao lonxe,
as augas mansas do Lérez
camiño do solpor)

e sinto como unha labazada
toda esta beleza
que axiña non verás xa máis.


CON LUÍS, NO HOSPITAL (III)
(7.8.2016)


As horas
teñen estes días
paso de boi mancado
e os minutos
destilan
silenciosos
e tensos
un elixir
de desolación
implacábel.



CON LUÍS, NO HOSPITAL (IV)
(8.8.2016)

 Veña esa aperta última, camarada,
rompamos a gaiola da sedación
e brindemos pola vida que gastamos xuntos,
mártires anónimos
de todas as boas causas
que nos fixeron
- a ti ben máis cá min -
dos imprescindíbeis.


CON LUÍS, NO HOSPITAL (V)
(9.8.2016)


O mal dinamita
as pontes da vida
e as forzas foxen
consumidas na batalla
xa decidida.

Neste cuarto de hospital
a conta atrás,
imparábel, impávida,
arrásame a alma.

 
Fotografía de Luís Rei feita por José Luíz Oubiña
MORREU LUÍS
(10.8.2015)

Agora a túa morte é certa
e por iso sinto ferido con saña
este meu peito desolado
ata a extenuación.

Prezado amigo, meu irmán:
Que só me deixas!
Canto botarei de menos
poder parolar e loitar canda ti
nos anos que me queden de vida!


NO ENTERRO DE LUÍS
(11.8.2016)


Todo o meu ser
é agora unha inmensa chama
onde arde o salitre da vida
e se amorea a cinza
de tantas batallas perdidas
que pagou a pena dar
canda ti, irmán.



Manolo Busto, Luís Rei e o autor deste caderno, celebrando a amizade.

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (I)

$
0
0
O acervo folclórico popular e a música de raíz

O pasado mércores día 3 de agosto de 2016 inaugurouse nos locais do Conservatorio de Viveiro a exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”, froito do traballo de recompilación de Antonio Navarrete. Tivemos a honra de participar no acto inaugural desa exposición cunha necesariamente breve disertación sobre as múltiplas vertentes da tradición musical de Viveiro. Queremos compartir aquí un texto, que publicamos orixinariamente no Heraldo de Vivero, en que nos debruzamos con algún pormenor sobre ese mesmo tema.

Unha das moitas cualidades que adornan Viveiro como colectividade ao longo da súa historia é, sen lugar a dúbidas, o seu acendrado amor pola música. A presenza constante desta faceta cultural alimentou a existencia na nosa vila de numerosas agrupacións musicais de todo tipo: gaiteiros solistas e grupos de gaitas, rondallas, comparsas e murgas de antroido, coros, corais e orfeóns, orquestras de pulso e puga, bandas de música, charangas, orquestras e conxuntos músico-vocálicos, cantautores...

No discorrer cotián da vila do Landrove ao longo dos séculos, a música cumpriu, efectivamente, numerosas e variadas funcións, que a fixeron parte esencial e insubstituíbel da súa vida social.

En primeirísimo lugar, a música acompañou desde tempo inmemorial os ingratos traballos e o vivir esforzado das humildes xentes do agro e da ribeira para facelos algo máis levadeiros, creando así o tesouro do noso folclore popular, recollido en parte en Cancioneiros como os de José Pérez Ballesteros, a finais do século XIX, Bal y Gay e Eduardo Torner, nos anos 20 do pasado século e Dorothé Schubart e Antón Santamarina, nos finais do século XX, respectivamente.

No segundo destes cancioneiros citados, por exemplo, hai dúas ducias de pezas recollidas na Terra de Viveiro, entre as que figuran estas dúas:

“Eu ben vin, virirín,
estar un corvororó
na pola dun castiñeiro,
cunha subela na mao, marramiau,
deprendendo a zapateiro”

*
“Pasei a ponte da vila,
paseina de madrugada.
Topei un anillo d'ouro:
é pra ti, miña namorada”

En 1992, a filóloga Salomé Díaz Muñiz fixo para o Arquivo Sonoro de Galicia unha nutrida recolleita folclórica no Centro de Servizos Sociais de Viveiro, valéndose de nada menos que corenta persoas informantes. Con refráns, adiviñas, coplas, romances, vilancicos, cancións infantís, cantares de cego, nanas, ensalmos curativos, fórmulas oracionais, contos, etc. resulta o repertorio máis completo de folclore viveirés vivo do que temos constancia e contén pezas simpáticas, picarescas e mesmo un algo irreverentes, como estas que nos resistimos a non citar:

“Padre Nuestro capuchín
fun ó ceo e volvín,
encontrei a meu padriño
cargadiño de touciño
e pedinlle un cachiño,
deume con el no fuciño.
Pasei por un carreiro torto
e encontrei un carneiro morto
e víronme os ladrós
e arrancáronme os collós”.
*
“Cando o Ruso toca a gaita
con tamboril e roncón,
as rapaciñas de Bravos
acarreiran pa o balcón”.
*
“- Viveiriño, Viveiriño
con tódolos seus arredores.
- Non me chames Viveiriño,
chámame xardín de flores”.

Entre as moitas manifestacións dese tesouro de música folclórica cómpre sinalar especialmente dúas: as chamadas “parrandas mariñeiras”, de especial celebración no porto de San Cibrao polo San Andrés (patrón das xentes do mar en moitos portos galegos antes de que se instaurase o padroado oficial da Virxe do Carme, en 1903) e os “Maios”.

Conta Lois Tobío nas súas Décadas (p. 29) que nos tempos do Seminario de Estudos Galegos, o seu amigo Filgueira Valverde quedou moi impresionado coa melodía do “maio” de Viveiro (“Maio, maio, / entra de crego /, non revolvas o tempo / xurando. Maio, maio, / na cruz da Mariña. / Bótennolo maio, / señores caballeros, / se non teñen maio / bótennos diñeiro. / Aí vén o Maio / pola calle do Sol, / aí vén o maio / de roubar a Valledor....”), que lle recordaba o derradeiro movemento da novena sinfonía de Beethoven, e que certo día, durante unha misa maior en Compostela, Tobío e Filgueira escoitárono interpretado polo órgano da catedral, “ennobrecido pola arte, solemne e grandioso”.
Chumín de Céltigos
Nesta mesma perspectiva cómpre situar a figura do gaiteiro Chumín de Céltigos (Juan Gómez de Andrade, natural das Negradas-O Vicedo, 1823-1911), retratada por Antón Villar Ponte en varios artigos e poemas e por Xoán Pla Zubiri, Ramón Canosa e Chao Espina en prosa; a de Rosario, a cega do violín, evocada por Tobío nas súas Décadas(p. 49) e a de Emilio Caxete Lamelas (O Rabeno), cantor popular irrepetíbel, cheo de enxeño e graza non exenta de crítica, do Viveiro das primeiras décadas do século XX. Con aire de habaneira compuxo en 1926, como recolleu José NistalAnécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi (p. 159) as famosas estrofas:

“-Plaza de Abastos:
que vas facer?
- Vou poñer puestos
para vender.
O primeiro puesto ha de ser
para Antonia d'a Paraña,
que ten un barco na Coruña
cargado de tela... de araña”.

Ben coñecida é a rivalidade que enfrontou no seu tempo Chumín de Céltigos co famoso gaiteiro de Ventosela (Xoán Míguez González, 1847-1912), a quen o das Negradas descualificaría en mordaces versos de copla (“Ventosela… Ventosela… / moita chavería na canaveira…”) por empregar chaves de clarinete na gaita para conseguir interpretar así os bemoles e sostenidos

“Os Trintas” de Trives, dirixidos por Ricardo Courtier, visitan Viveiro no verao de 1907. Ao seu exemplo nacerá o cuarteto local “Os Montes” (inicialmente barallaron chamarse “Os Corentas en bastos”, por darlle irónica réplica ao nome dos triveses...). Estaba formado por Antón da Costa (Antonio Soto), Salaverri, Juan Latorre e Eugenio González (o Madono). En 1908 viaxaron a Cuba e animaron na colonia viveiresa emigrada na Illa o espírito que levaría pouco despois á fundación da sociedade de instrución “Vivero y su Comarca”.

Máximo representante da música tradicional galega en Viveiro nos mouros anos do franquismo foi o quinteto “Brisas do Landro” (de Ramón Bermúdez Fernández, “Pepe Randa”, e os seus fillos Pepe, Rasputín, Moncho, Gilberto e César), número musical imprescindíbel da romaría do Naseiro e das festas patronais durante varios lustros.

Falando de Naseiro, é ben coñecido que grupos de gaitas como “Os Montes” de Lugo, “Os Rosales” de Rianxo e “Os Campaneiros” de Vilagarcía de Arousa encheron de música tradicional a romaría nos anos 50, 60 e 70, na compaña do grupo local xa citado dos Pepe Randa.

José Travieso Quelle, "Jotraque"
Do xornalista e compositor viveirense José Travieso Quelle é a autoría dunha peza, “Catro vellos mariñeiros”, que xa fai parte por dereito propio do acervo das cancións populares galegas máis cantadas e coñecidas de todos os tempos. 

A agrupación “Bágoas da Terra” promoveu durante anos unha Mostra Folklórica Internacional que trouxo a Viveiro bailes e músicas de todas as latitudes. 

Na actualidade, o noutrora fundador do grupo de gaiteiros “Nova Semente” Javier Pena Louzao (Bossa) e o director da escola de música “O son do Sor” do Barqueiro, David Bellas, fan virtuosismo coa gaita, o noso instrumento tradicional máis emblemático.

Inscrito no movemento da “nova canción galega” que espertou á calor da loita antifranquista a finais dos 60 e durante os anos 70 está o viveirense Jei Noguerol (Xosé Antonio González Noguerol), con discos como “Denantes dos vinte anos” (1976), “Cantigas de Fradería” (1978) e “Lúa nova” (1997) e temas como o celebérrimo “Señor Ministro, por favor”, “Cabaleiros” e “Polo Atlántico Norte”.

 
No seu ronsel cabe citar o grupo “Xistra”, formado por Caxete, Atadell e Andrés, que musicou poemas de Noriega Varela, Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro e Rosalía, entre outros, e gañou en 1982 o Festival da Música Galega en Vigo e en 1984 e 1986 o certame musical de Bergantiños. Editou nos anos 90 a cassete Xurdindo do mar, en que aparecen dous dos seus temas máis fermosos, ao noso humilde parecer: “Temporal” e “Os velliños de Celeiro”. O seu segundo e derradeiro disco titulouse Mistura na ialba (1993).

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (II)

$
0
0
Músicos da Banda de Exploradores de Viveiro, que fundou e dirixiu desde 1916 Juan Latorre Capón

O contributo da música relixiosa, heráldica e militar

Falamos na primeira entrega deste traballo da vertente folclórica e popular da música en Viveiro, salientando algunhas figuras e grupos referenciais e aludindo a algúns dos cancioneiros e recollidas que a conservan. Falaremos nesta segunda entrega do contributo esencial que a música relixiosa e a heráldica supuxeron para a nosa tradición.

A música solemnizou desde moi antigo os cultos e oficios relixiosos nas catro igrexas da Vila (a de Santa María, a de San Francisco e as desaparecidas de Santiago e Santo Domingos) e marcou, así mesmo, as horas do vivir comunitario (desde os maitinesata as completas) dos seus catro conventos, dous deles masculinos, San Francisco e Santo Domingos, ambos desaparecidos, e dous femininos, Concepcionistas e Valdeflores, que chegan aos nosos días.

Estivo presente, xaora, nas celebracións da Semana Santa, con motetescantados por José Pla Zubiri ou José Nistal desde algúns balcóns no propio pecorrido das procesións nos comezos do século XX; con cornetín e tambor na madrugada do Venres Santo para anunciar o Encontro; con bandas de música interpretando marchas procesionais; e, desde hai uns anos, con concertos de música sacra dentro do programa “Adral” desenvolvido pola Xunta de Confrarías. A Banda de Cornetas e Tambores da TAU, fundada a finais dos anos 70 por Manolo do Parañoe dirixida actualmente por Pacucho, antigo batería dos “Dominantes” e da “Paradise”, e a Banda Naval de Tambores, Cornetas e Gaitas do Casino de Viveiro, creada en 2002, resultan elementos imprescindíbeis nos desfiles procesionais da Semana Santa.

Cantos litúrxicos de toda índole (Kiries, Glorias,Aleluias...), misas cantadas e responsos fúnebresforoninterpretados durante séculos nos claustros e nos templos viveirenses por freires e freiras e por sacerdotes educados en Mondoñedo na prestixiosa capela musical da súa catedral, descrita na revistaEstudios Mindoniensespolo profesor Enrique Cal Pardo, a quen acabamos de perder infelizmente en datas recentes. O pobo participaba musicalmente nesas cerimonias relixiosas sobre todo nas misas do Nadal, como a do Galo, con vilancicos tradicionais que non renegaban da lingua galega e mais nos fatos de cativos que saían polas rúas a cantaren os “Reises” e pediren o aguinaldo.

A presenza do órgano como instrumento para acompañar o ceremonial relixioso do Viveiro antigo está ben documentada, pois sábese que os dragóns franceses fixeron leña do órgano de San Francisco durante a ocupación da Vila en 1809 e que os dominicos, despois dunha primeira exclaustración forzosa durante o Trienio Liberal, solemnizaron o seu regreso ao convento a carón da Porta da Vila o 24 de setembro de 1823 cunha procesión acompañada do son solemne dese instrumento. Esa presenza do órgano ten o seu reflexo, ademais, no primeiro libro que tratou da historia da nosa vila, o Bosquejo histórico, político y religioso del Antiguo Reino de Galicia, publicado por Jacobo Araújo en Pontevedra en 1854. Nesa obra lemos (páx. 107) que a igrexa de San Francisco

posee también el cuarto completo de un órgano con varios tonos, servido con bastante gusto por un organista que reúne además la circunstancia de una voz esbelta y agraciada, que le acompaña en sus solemnidades”.

Patricia Rejas Suárez catalogou e editou recentemente o repertorio musical existente no arquivo do mosteiro de Valdeflores e Clara Rodríguez Núñez (El monasterio de Valdeflores de Viveiro, Ferrol, p. 472.) informounos do nome dalgunha das monxas organistas que exerceron nel, como Micaela de Lemos (1710), e do estatus diferenciado de que gozaba dentro da comunidade conventual, pois

era la única religiosa de coro que podía ingresar sin dote en la comunidad, dado que su trabajo era retribuido por el Estado. Debía dar una hora diaria de clase de canto a todas las novicias y monjas con menos de cuatro años de profesión, debiendo instruirlas musicalmente para su participación en el culto divino".

Órgano da igrexa de San Francisco de Viveiro
Durante o século XVIII foron recompensados economicamente por tocaren o órgano en San Francisco de Viveiro Domingo Pernas (1724) e Frei Luís Fernández de la Peña (1753-75) e en 1788 renovouse o instrumento no convento de Valdeflores. 

A música fixo parte imprescindíbel, xunto coas danzas gremiais e os correspondentes lábaros ou estandartes, da procesión do Corpus, noutrora o evento colectivo máis relevante da Vila. Na súa comitiva participaban os distintos gremios existentes (mareantes, zapateiros, ferreiros, carpinteiros, xastres...), moitas veces pouco ben levados en cuestións de protocolo e a música púñana, segundo informaba Noya González en El Eco de Vivero, referíndose ao Corpus de 1827, gaiteiros e tamborileiros como Francisco Rodríguez e Benito López, ambos da Vila; Francisco Rocha, de Landrove; Rafael Pérez, de Covas; Antonio Leal, de Vieiro e algúns outros máis.

Nesta mesma perspectiva cabe sinalar o relevante papel xogado na tradición musical viveiresa polos coros parroquiais. En 1913, o de Santa María estaba formado por Teodomira Peña, Consuelo Lorenzo, Águeda Vizoso, Pilar Cotilla, Dolores Otero e Rosario Fernández Sampedro, acompañadas ao harmonium por Luísa Lage. En épocas recentes destacaron coros parroquiais como os de Dona Herminia Salas e Vicente Casas, en San Francisco, e o de Lolita Girón, en Santa María. Salientaremos entre os solistas destas agrupacións a Saleta Couceiro Ínsua e a Nina Gómez Meitín, entre as sopranos, e a José Luís Rivera, entre os tenores, sen menoscabo doutras boas voces que fican hoxe no tinteiro.

A capela coral das irmás Concepcionistas cantou na inauguración en 1925 da réplica da cova de Lourdes, baixo a dirección do sacerdote José Pérez Barreiro, e as irmás Dominicas de Valdeflores gravaron en 1981 unha cassete con himnos litúrxicos arranxados por María del Carmen Villar, co título de Nacidos de la luz.

E aínda debemos amentar, nesta orde de cousas, a achega da grande escritora Luz Pozo Garza co seu himno eucarístico “Gloria al divino cordero”, musicado por Antonio Amigo, para o 2º Congreso Eucarístico Comarcal de maio de 1961, que tivo lugar na cidade do Landro: “Gloria al divino cordero / cantemos llenos de amor. / Que en la ciudad de Vivero / reine por siempre el Señor”. Cómpre referir que o feito de que o entón alcalde, Francisco Vázquez Ramudo, non tivese en conta máis opcións poéticas que a da súa entón esposa para dotar de himno ese Congreso Eucarístico causou o desagrado do sacerdote Tomás Moar y Garazo, que desexaba candidatar un poema da súa autoría a tal fin. Ese poema recolleríao posteriormente no volume Desahogos del alma.

Por outra banda, a música deulle pompa e ornato, asemade, aos desfiles cívicos das autoridades en todo tempo, por medio das chamadas “fanfarrias” heráldicas no pasado ou coa banda de música en tempos máis recentes.

Cando se fixo en novembro de 1843 a proclamación da maioría de idade de Isabel II, defendida ardentemente por Nicomedes Pastor Díaz fronte ao xeneral Espartero, houbo en Viveiro pasarrúas de gaiteiros e un pequeno grupo de instrumentistas interpretou na Praza a Marcha Real e outras pezas. Segundo a crónica que ofreceu o xornal coruñés El Centinela de Galicia (27-I-1843),

en la plaza, los estallidos de innumerables y vistosos cohetes alternaba con la música, que colocada en un tablado o tribuna, recreaba el oido y brindaba al pueblo a bailar y solazarse".

Do mesmo xeito, en setembro de 1923, solemnizando os actos do traslado dos restos mortais de Pastor Díaz desde Madrid a Viveiro, actuou unha banda militar que interpretou na Praza diante da estatua do noso poeta o “himno galego” no mesmo día en que o xeneral Miguel Primo de Rivera estaba a implantar a súa ditadura...

Tamén a música acompañou determinadas actividades educativo-ecoloxistas impulsadas nos anos 10 do século XX polo mestre Luís Tobío Campos, como a Festa da Árbore, que ademais de incluír unha plantación na Furada dos Asnos, implicaba o canto do himno composto ad hoc polo poeta Sinesio Delgado con música de Chapí, que comezaba: “Cantemos al árbol / que voy a plantar. / Si Dios lo protege / del rayo y del viento / salud y riqueza dará”.

A presenza de bandas militares ou paramilitares na nosa Vila tivo motivacións diversas. Ás veces respondeu ao feito de Viveiro carecer en determinados períodos de banda de música municipal de seu. Nese contexto explícase a visita de bandas militares vidas de Ferrol, Coruña ou Compostela e o propio nacemento da Banda de Exploradores de Latorre Capón en 1916. Mais outras tivo algo que ver, non debe negarse, co clima militarista que dominaba o ambiente da inmediata posguerra franquista. Esa atmosfera ideolóxica e social explica a aparición da banda dos Flechas Navales, en 1944, sobre a que ten escrito interesantes artigos J. L. Moar. Impulsada polo comandante de Marina Luís Cebreiro, participou en todo tipo de desfiles e procesións, sendo axiña bautizada co nome do Almirante Chicarro.

Rexistramos, no mesmo sentido, a presenza de bandas militares de Lugo (rexemento de San Fernando) ou Ferrol (Infantería de Marina) para amenizaren as xornadas festivas ou solemnizaren determinados eventos oficiais e relixiosos no período de preguerra. Na posguerra trouxéronse tamén a banda do rexemento de infantería Isabel a Católica da Coruña (1950) e a do rexemento de Zaragoza nº 30, de Compostela (1955).

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (III)

$
0
0
A música como elemento esencial do lecer vilego e un crítico musical viveirense inxustamente esquecido



O grupo de gaiteiros BRISAS DO LANDRO, de Viveiro, a finais dos anos 50 do pasado século

As vertentes relixiosa, oficial e militar da música en Viveiro non recollen de seu toda a intensidade da tradición melómana local, que se complementa cunha vizosa listaxe de agrupamentos (rondallas, orquestrinas, cuartetos, tunas...) creados sobre todo e ante todo para contribuír a facer máis ameno o tempo de lecer dos nosos devanceiros.


A música foi elemento esencial da diversión e do lecer para amplas capas da sociedade. Na rioleira de festas patronais de todas e cada unha das parroquias da Terra de Viveiro non faltou desde que hai memoria un gaiteiro con acompañamento de tamboril, ou un cuarteto, ou un acordeonista, ou unha orquestrina, ou unha sección de banda de música ou, en tempos máis recentes xa, unha orquestra ou conxunto músico-vocal.

Do tecido societario e recreativo que vai xurdindo na Vila desde o século XIX en adiante, como imos ver a seguir, non cesan de aparecer agrupamento e iniciativas musicais. En realidade, ata os enterros levaban antigamente na Vila do Landrove acompañamento musical de fagot, competindo co toque de defunto das campás...

O espallamento a partir da segunda metade do século XVIII da moda italianizante na música (Rossini, Bellini, Donizzeti, máis tarde Verdi e Puccini...) trouxo consigo a difusión de certos xéneros operísticos, como a “aria”, o “recitativo” e a “cantata”, que dos salóns da aristocracia cortesá e capitalina se contaxiaron axiña a estratos sociais máis baixos pero ansiosos de cultura e refinamento, como a fidalguía e a burguesía vilegas. Este gusto musical consegue romper o ata entón case monopolio relixioso da música culta e pon en marcha unha “desacralización” imparábel. Agora nacen novos ámbitos de sociabilidade, alleos ao estamento eclesiástico, que queren gozar activa ou pasivamente da música: son os Liceos, os Casinos, as Sociedades Filharmónicas, os Cafés-Concerto...

En Viveiro, ao igual que acontece noutras vilas como A Coruña (Círculo de Artesáns), Lugo (Círculo das Artes) ou Ferrol (Recreo Artístico), os mediados do século XIX marcan a aparición da primeira das entidades deste xénero.

Segundo datos ofrecidos polo actual cronista oficial nunha entrevista en 2008 para La Voz de Galicia, en 1848 naceu en Viveiro unha Academia Filharmónica, da que era encargado Tomás Rebellón e director Julián González Llobes. Máis tarde, pequenos agrupamentos musicais, encabezados respectivamente por José Botino, Francisco Martín e Antonio Travieso, ocupábanse de actuar nos actos festivos e relixiosos de maior relevancia que tiñan lugar na Vila.

Hai noticia de que en 1852 existiu na vila un Circo-Recreo, que ocupaba un local que lle alugou Benito Galcerán e que dispuña dun piano que adquiriu o avó materno dos irmáns Villar Ponte, José Mª Ponte. Nese Circo-Recreo constituíuse unha sección lírico-dramática, animada por Florencio Pla Sampedro e Vicente Sergio López Núñez e composta por señoritas de boa familia (Clementina Ponte, Rita Pardo de Cela, Concha Osorio, unha filla do Rebellón...), que debutou en xaneiro de 1873 con números musicais diversos, como o dúo de tiples da zarzuela El relámpago, fragmentos das óperas Semiramis e Campanone para piano e frauta, a melodía “El despertar” e o bolero da zarzuela Los amantes de la Corona. A mesma sociedade Circo-Recreo contratou os servizos profesionais do músico Lorenzo de Castro, por un soldo de 1.000 reás ao ano e obriga de ofrecer concertos todos os xoves e domingos, con horario distinto segundo fose inverno ou verao.

En 1869 constituíuse o Círculo Artístico, Instructivo y Recreativo de Vivero, auspiciado polos republicanos locais que lideraba Salustio Vítor Alvarado e con local no futuro “Chipe”. En novembro de 1882, este Círculo e o Circo-Recreo fundíronse nunha soa entidade, o “Círculo de Recreo de Vivero”, con local no que hoxe é o bar “A Fragata”, na rúa de Abaixo. Tras sufrir diversas escisións (a da conservadora “Tertulia de Confianza” en 1889, á que pertencei Don Ponciando Villar Bermúdez, pai dos irmáns Villar Ponte; a de “La Peña” de Ramón Díaz Freixo en 1908, con local na rúa María Sarmiento), o “Círculo de Recreo” acabaría refundándose en 1915 como “Centro Vivariense”, baixo a presidencia de Balbino Franco Fernández e a vicepresidencia de Eusebio Bujados (irmao do xenial debuxante Manuel). O Centro desembocaría finalmente na sociedade “Casino de Vivero”, en maio de 1935, que herdou o fermoso local nos xardís do Malecón que lle viñera servindo de sede ao “Centro” desde 1924. Como é ben sabido, o Casino trasladaríase á súa sede actual en decembro de 1982.

Precisamente no período de existencia do citado “Centro Vivariense” intentouse crear no seu seo unha Academia de Música e funcionou un cadro lírico-dramático liderado por José Vilar Sixto, con orquestra de pulso incluída que formaban, ademais do propio Vilar Sixto, Eusebio Bujados, Antonio Cora e Jesús Antas, coa posterior incorporación de Ramón Canosa ao violonchelo.

No seo desas entidades recreativas que acabamos de citar, os bailes de gala ou de asalto de Antroido, Nadal, Aninovo, a Candelaria, a Pascua, o Carme e o San Roque, as veladas músico-literarias e os festivais benéficos (pro vítimas do cólera, pro viúvas e fillos de mariñeiros náufragos, pro feridos na guerra de Cuba, pro Asilo de anciáns, etc.) abren a posibilidade dun goce frecuente e reiterado de números musicais de toda índole interpretados por variadas formacións: solistas, dúos, cuartetos, orquestrinas....

Son, por iso mesmo, o humus ambiental preciso para que poidan xurdir figuras como a de José Muñiz Carro (1855-?), un nome apenas coñecido e divulgado hoxe entre nós mais que ten un valor enorme desde a perspectiva da tradición musical que pode exhibir Viveiro, como tentaremos explicar brevemente a seguir.

Fillo de Balbina Carro e do militante republicano e vicecónsul británico no porto de Viveiro Joaquín Muñiz Riobóo, o aludido José Muñiz Carro foi tradutor (en solitario ou en colaboración con Giner de los Ríos) de varias obras literarias e xornalísticas de Edmundo D'Amicis ao castelán, enviou o texto “Las verdaderas glorias” para a velada en honor a Pastor Díaz que se celebrou en Viveiro en 1882 e, sobre todo, exerceu como crítico musical de grande relevancia no Madrid do seu tempo.

Efectivamente, foi redactor desde decembro de 1880 ata o mesmo mes de 1882 dunha prestixiosa publicación denominada Crónica de la Música, fundada en Madrid polo musicógrafo Andrés Vidal y Llimona e que se editou desde setembro de 1878 co subtítulo de “revista semanal y biblioteca musical”. Por certo que á publicación non lle faltaron asinantes no propio Viveiro, que aparecen aludidos na sección administrativa coas iniciais F. L., F. R. L. e S. L. T.

Muñiz Carro exerceu de crítico habitual dos espectáculos de música clásica, ópera e zarzuela que se celebraban nos teatros líricos madrileños de maior renome: o da Ópera, o Real, o da Zarzuela… Da súa pluma foron saíndo comentarios das interpretacións de pezas como Guillermo Tell, Rigoletto, Hamlet, Hernani, Fra Diavolo, Os Hugonotes, Aida, Un ballo in maschera e un longo etcétera. Ocasionalmente, cubriu tamén información de concertos fóra de temporada na localidade alacantina de Alcoi ou comentou as obras pictóricas que puideran verse na Exposición Nacional de Bellas Artes celebrada en Madrid en 1881.

Teñen grande interese os seus artigos de divulgación sobre o compositor Richard Wagner e, en particular, sobre a súa ópera Lohengrin, así como a súa cálida acollida da soprano Sofía Menter e do pianista Antonio Rubinstein, aínda que tamén cómpre amentar as súas agres polémicas con Manuel de Palacio, redactor de La Europa.

En Crónica de la música publicou así mesmo algún traballo sobre historia da música antiga en Grecia e outros que tenden ao ensaio propiamente dito, como a serie de cinco “Cartas musicales a una mujer” (núms. 150 a 154, agosto de 1881), das que extraemos este significativo fragmento:

La música, arte verdaderamente moderno, es fruto de un sucesivo desarrollo de la razón, de la inteligencia y del corazón. La razón formula sus reglas, la inteligencia las coordina y el corazón se aprovecha de ellas para infundirle sentimiento.
Si es cierto, como yo creo, que en el alma humana hay algo de impersonal, de infinito, de divino; á ese algo, á esa región del alma debe dirigirse y se dirige la música (…). El músico no podrá presentar un paisaje, como el pintor; te hará sentir otro género de belleza más indeterminada, más vaga, pero también más conmovedora (…)”.

Volvendo ao rego principal, diremos que a crecente “popularización” da música que se verifica ao longo do século XIX en Viveiro, como en todas partes, trae consigo a aparición de novos agrupamentos, onde a participación de elementos do artesanado, do incipiente proletariado e aínda da pequena burguesía é fundamental. Falamos dos primeiros orfeóns, das primeiras bandas de música (Juan Latorre chega a Viveiro en 1886 contratado para tal fin), das primeiras rondallas e “murgas” de antroido, das primeiras “tunas”.

O fenómeno coincide, non por acaso, coa eclosión do Rexionalismo musical galego, con compositores como Marcial del Adalid, Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Castro Chané, Xosé Baldomir que compoñen melodías preciosas (“Negra sombra”, “Unha noite na eira do trigo”, “Os pinos. Himno galego”, “Dous amores”, “Lonxe da terriña”, etc.) sobre textos dos autores do Rexurdimento (Rosalía, Curros, Pondal, Salvador Golpe, Aureliano Pereira...) e nutren de rapsodias e alboradas inspiradas na música folclórica galega o repertorio desas agrupacións citadas. Paralelamente, a difusión popular da zarzuela e do “xénero chico” (Barbieri, Chapí...) dota moitas desas agrupacións de numerosas pezas de repertorio, que se completa cun abano de ares musicais vidos de fóra, ao socaire de diversos movementos culturais da atribulada Europa: valses, polonesas, mazurcas, lieds...

Dous instrumentos gañarán nesta época o fervor musical nos ámbitos cultos: o piano e a guitarra. En breve, un terceiro instrumento, o acordeón, farase dono de todos os salóns de baile populares da contorna, como o Salón de Camilo, de Vieiro; o de Mangas Rubas, en Celeiro; o do Gaiteiro, en Grallal, etc., substituíndo a típica formación de “tres e a caixa” (cornetín, bombardino e clarinete).

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (IV)

$
0
0


Comparsa feminina do Antroido de Viveiro, a comezos do século XX. Fotografía de José Ínsua.

A música como elemento esencial das festas do Antroido
 
Durante a segunda metade do século XIX e os primeiras décadas do XX, Viveiro dá numerosos exemplos da dinámica de popularización musical a que aludimos na anterior entrega deste traballo. Se algún momento do ciclo festeiro anual viveirense exemplifica como ningún outro esa dinámica, ese momento é o Antroido.

O Antroido na vila de Viveiro propiamente dita, isto é, o “urbano”, tivo xeitos propios, claramente diferenciados en moitos sentidos do Antroido “rural”. Entre eles, un dos que máis nos interesa salientar é a creación de todo tipo de agrupamentos, chámense “comparsas”, chámense “músicas”, chámense “rondallas”, en que a presenza de instrumentistas de pulso e puga e un repertorio de cancións preparado ad hoc constitúen dous elementos tan esenciais como o propio disfraz.
 
Na Sociedad de Obreros segundo explicaba Manuel Bermúdez Fernández, “los socios jóvenes ensayaban veladas teatrales y algunos grupos aprendían a tañer instrumentos de púa para dar serenatas en días señalados (Cf. Badal, Viveiro, nº 41, 43-III-1983)”. A propia Sociedad organizou en 1901 un Orfeón denominado “Brisas del Landro”, baixo a batuta de Pedro Marco (cf. Diario de Pontevedra, 31-I-1901, p. 3) e comparsas de Antroido como “Los de la Clave de Sol”.

Durante o Antroido, as comparsas desfilaban disfrazadas polas rúas cantando coplas e cancións feitas para o caso e tamén, como sinala Tobío nas súas memorias, aqueloutras “que estaban de moda ou vellas habaneras e valses como aquel que comezaba: 'Ven, dueño mío, ven que mi alma te adora'" (Cf. TOBÍO, Lois (1994): As Décadas de T.L., Sada: Eds. do Castro, serie Documentos, nº 110, p. 42). 

Merenda campestre da comparsa dos Armantes, de Viveiro

Entre esas comparsas antroideiras de Viveiro deixaron fonda memoria:
  • A dos “Armantes”, impulsada entre 1872 e 1882 por Vicente Sergio López Carril, Juan Antonio Ínsua Dorado (Novenas), Joaquín Ávila (Quinco) e Manuel Sampedro López, canda outros, e glosada nun fermoso artigo polo noso chorado amigo e mestre Fausto Galdo (Cf. GALDO, F. (1992): “A troula dos Armantes”, en Libro-Programa das Festas Patronais de Viveiro);
  • A xa citada “Los de la Clave de Sol” da Sociedad de Obreros;
  • A “Comparsa del Trueno” (1913), formada entre outros polos irmáns José e Fermín Ínsua (da Mica), José Núñez Regal (Favorito) e Lisardo Martínez (Mariñao);
  • A dos “Blancos Pierrots” (1929);
  • Así da gusto” (1933), presidida por Vicente Baño;
  • A murga “Los Últimos” (1935), que interpretou a famosa habanera de Emilio Caxete que comeza cos versos “Es Vivero delicioso / regado por el río Landro; / podría ser más hermoso / pero, señores, hay mucho mando...”;
  • e, last but not least, a comparsa “Interrogación”, que ademais de en Viveiro actuou no Antroido en Vilalba 0 3 de febreiro de 1932 e da que coñecemos o elenco instrumentístico ao completo, formado por Ramón Amor e Manuel Cora Quiroga (Lole de Manaí) como violinistas; Manuel Romero como mandolinista; Plácido Amor coa frauta; Jesús Cora Quiroga (Xuxo de Manaí) e Manuel Baño Cerdeiras como laúdes; Andrés Mariño, Carlos Ruza, Benigno Gómez, Vicente Baño e Francisco Bermúdez como guitarras; Eugenio del Valle, Joaquín Picado e Varela como primeiras voces e Francisco Pedreira (Chichí), Antonio Otero (Primo), José Nistal e Germán González (Madono) como segundas voces.

A comparsa "Interrogación" (1932), de Viveiro

Simpática e curiosa foi, asemade, a experiencia do “Circo-Tabariqués”, relatada con pormenor por un dos seus protagonistas principais, José Nistal, no libro Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi e que incluía entre os seus números a actuación do dúo vocálico “Del-Nis” (Eugenio del Valle e José Nistal), que interpretaban o tango “Bésame en la boca”, a canción venezolana “Languidece una estrellita” e o valse “Ensueño”.

A aventura dese peculiar Circo, da que foron partícipes entre outros o noso avó paterno Emilio Ínsua Polo (Milucho) e a súa irmá Charo, que tocaba o piano, non pasou das dúas actuacións, o debú exitoso en Viveiro en febreiro de 1930 e o fracaso rotundo en Vilalba en abril dese mesmo ano, mais deu renda solta ás afeccións artísticas e á simpática pallasada dun grupo de mozos que, en definitiva, como resume Nistal (Cf. NISTAL, José (2001): Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi, Viveiro: Seminario de Estudos Terra de Viveiro, p. 55):

fue el que durante tantísimas noches en todas las épocas del año turbó poéticamente el sueño de las jóvenes vivarienses al despertarlas nuestras románticas serenatas, con canciones propias o ajenas, cantadas por Joaquín [Picado Marín], Eugenio [del Valle], [Antonio] Meirás, el ciego Darío, Jesús Picado, yo [José Nistal]..., y acompañados por el violín de Lole[Manuel Cora Quiroga], la flauta de Pepiño Ladra, los laúdes de Manolo Baño y de Xuxo de Maneí[Jesús Cora Quiroga], la mandolina de Pichurre [Manuel Romero], las guitarras de Andrés de Cidre, de Vicente Baño, de Nito...; en la víspera de Reyes, para dejar las sorpresas con dedicatorias humorísticas; en la de San José, para felicitar a las Pepitas, y en la de las respectivas onomásticas de las Lolas, Conchitas, Cármenes, etc.”
 
Na perruquería de Castañer reuníanse tamén algúns mozos melómanos viveirenses para formaren rondalla e ensaiaren os danzóns que para ela compuña Latorre, con letra de Antonio Lorenzo. Unha desas pezas, en galego, comezaba cos versos: “Branca pombiña / dos meus amores, / que n'a Ribeira / xogas co'as froles...”.

No Antroido de 1933 visitáronnos dúas rondallas vilalbesas, “Alegría” e “Los Caballeros del Castillo”. Esta última interpretaba cancións con música de Manuel Currás Guntín e Ramón López Ares e letra da escritora Carmiña Prieto Rouco, que daquela era xa colaboradora habitual do Heraldo de Vivero.

"Comparsa del Trueno", do Antroido viveirense de 1913.

Neses anos 30 naceu tamén en San Cibrao a rondalla de Benigno Rey Alonso, mentres que en 1932 fixo o propio a “Juventud Musical de Celeiro”, con Vicente Carballo Blanco como presidente e os irmáns Balbino e Francisco Ínsua Álvarez, entre outros, na directiva. 

Paralelamente á existencia puntual desas comparsas antroideiras, compañías lírico-dramáticasvisitaban cada ano Viveiro nos comezos do século XX para ofreceren o seu repertorio de números zarzuelísticos ou cupletistísticos, como a de Calvacho-Ruiz, a de Montijano, a de Llopis, a de Gómez de la Cruz, a de Cecilio R. de la Vega, o dueto Malvar-Vidal... 

Algunhas veces as interpretacións destas compañías reducíanse tan só a un coro de voces e un piano, mais o certo é que os números musicais máis pegadizos acababan sendo memorizados por boa parte do público e cantados logo en todo tipo de ocasións festivas. A título de anécdota digamos que a compañía Montijano reservaba un lote de entradas gratuítas para os membros da Banda de música de Viveiro a cambio de que esta dese un pasarrúas “publicitario” polas principais rúas da vila nos momentos previos ao comezo do espectáculo, que tiña lugar no teatro popularmente denominado “O caixón dos figos”... 

Tamén chegaban ata a Vila músicos ambulantes, como don Adolfito, que Tobío evoca con estas palabras (cf. TOBÍO, Lois (1994): As Décadas de T.L., Sada: Eds. do Castro, serie Documentos, nº 110, pp. 34-35):
 
Don Adolfito percorría a Praza e as rúas a cantar, acompañándose do violín, cantigas de amor ás donas e rapazas que estaban nas fiestras, galerías e balcóns, e botando requebros (beldad, sultana, hurí...) ás belidas que pasaban carón seu. Era, polo visto, home lanzal e distinguido, de bigode e barbiña en pirulo, cabelo loiro, que coñecera aos da casa da Troia coma estudante en Santiago, onde nacera, e que, segundo contaban, por un amor malfadado, perdera unha miga o siso e botárase ao camiño coma un derradeiro trovador. A miña nai lembraba unha das suas cantigas que lle eu ouvín cantar moitas veces:
Niña de trenzas de oro
y de ojos soñadores,
para cantarte amores
escucha al trovador.
Trovador,
por ti me muero de amor,
por ti me muero,
me muero
de amor”
Contan que ía vestido de levita e bombín e levaba unha florciña silvestre na lapela, e que nonm aceptaba donativos en público anque sí cando se lle daban con disimulo. Era, xa que logo, coma un romántico “après la lettre” (...)”.

Nos comezos do século XX, naquel Viveiro que César Michelena Rebellón definiu nun dos seus sonetos como “cantarín y bullanguero" (Cf. MICHELENA REBELLÓN, C. (1987): Mis cien sonetos a Vivero, Viveiro: Gráficas Lar, p. 24), triunfan algúns ares musicais traídos da Habana polos moitos emigrantes das terras regadas polo Landrove que frecuentaban neses anos a Illa caribeña: guajiras e habaneiras como a da “bella Lola”, “En el fondo del mar nace la perla”, etc. 

Dicía Jotraque (José Travieso Quelle), neste sentido (Cf. TRAVIESO QUELLE, J. (2010): Vivero, síntesis del incensario y la gaita, Viveiro: A.C. Estabañón, pp. 29-30), que “la gente de Vivero canta muy bien, especialmente habaneras y otras canciones que tienen un sello nostálgico” e o mesmo xornalista evocaba no artigo “Con orlas negras” ao barbeiro e mandolinista Manuel Romero, (a) Pichurre deste xeito

"Yo recuerdo de mis años mozos a Pichurresentado a la puerta de su establecimiento tocando con su mandolina alguna de las habaneras de moda en aquellos tiempos (...). A veces, se unían la la música de Pichurre las voces de Darío da Cobela, un invidente de buena voz, y Emilio de Chupitín, que cantaba muy mal (...)"

Cuarteto "Los últimos románticos"

Nos anos 50 formouse tamén en Viveiro un conxunto de pulso e puga chamado “Los últimos románticos”, que estaba formado por Canana(guitarra e voz), Pichurre (mandolina), Paco de Rocambol(laúde) e Jotraque (violín). Na simpática visión dun dos seus protagonistas (Cf. Travieso Quelle: Op. cit., p. 95):, o grupo era
 
más malo que la carne del pescuezo hasta tal punto que una noche, durante una serenata, algunos melómanos confundieron el bolero “Campanitas de la aldea” con la serenata de Schubert, tan mala era la interpretación”.

A chegada dos primeiros gramófonos abriu, non obstante, unha posibilidade nova de gozar da música que xa non implicaba necesariamente a interpretación en directo. Fernando Pérez Barreiro, no libro El digesto no indigesto (1952), evocaría a barbería de Vergallás, dotada dun deses novos aparellos fonográficos:

Era de verle afeitar con una navaja en cada mano y actuando con las dos a un tiempo, al compás de un alegre pasodoble o de un pausado danzón, según las preferencias del cliente, que elegía el disco que había de rodarse en aquel primitivo gramófono de descomunal vocina, mientras duraba la faena del afeitado”.

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (V)

$
0
0

Sección da banda dos Garrote, de Ortigueira, a comezos do século XX 
As Bandas de Música

Dentro da corrente de popularización da música, poucos agrupamentos teñen tanta relevancia e incidencia como as bandas. Desde certa perspectiva os seus compoñentes, individuos case sempre de extracción social humilde, achan nas nocións elementais de solfexo que teñen que adquirir e na posterior habilidade interpretativa unha vía feliz de culturización efectiva, que os fai ademais merecentes do respecto social. Desde outra, as bandas achegan ás masas que forman o “gran público” pezas musicais de toda índole, facéndoas permeábeis a variados estilos e xerando nelas unha afección que será levada e multiplicada logo por todo tipo de novos agrupamentos musicais.

Na época de entre dous séculos, entre finais do XIX e comezos do XX, existiu unha vibrante rivalidade musical entre Ortigueira (os fúfaros) e Viveiro (os vilanchos), deliciosamente retratada no seu día por Ramón Canosa no duodécimo capítulo da súa Historia menuda de un pueblo gallego(1953).

A saga dos Garrote de Landoi, formada polo pai José María, fundador da banda ortegana en 1886, e os fillos Manuel, Francisco e Luís, que a dirixiron dende 1901, personalizou daquela a figura do músico popular de cualidade, espertando envexa e admiración a partes iguais en todos os municipios da contorna.

A superioridade técnica dos orteganos sobre calquera dos músicos viveirenses daquel tempo era unha espiña cravada no orgullo local que tardou tempo en poder ser arrincada... Por se fose pouco, os músicos de Landoi introducían no seu repertorio pezas da máis alta alcurnia musical, como fragmentos de ópera, causando o desconcerto das xentes que asistían ás romaxes da comarca querendo simplemente “botar un baile”. A confusión músico-danzante que causou a banda ortegana nunha edición do San Pantaleón de Galdo, segundo conta con graza Canosa, levou a que o ramista da comisión imprimise para a seguinte edición da festa unha folla voandeira para espallar entre o público que incluía este desconcertante recado: “¡Alto a la parranda! (...) Bailarines: abstinencia!”.

En realidade, Viveiro non dispuxo dunha banda estábel ata 1916, cando conseguiu formar a chamada “Banda de Exploradores”, da man de Juan Latorre Capón (Lugo, 1858-Viveiro, 1936). O propio Latorre viñera a Viveiro en 1886 con esa misión e, de feito, ao amparo dos desexos dos entón alcaldes conservadores César Riego Almoina e Benito Quintana, que adquiriran a tal fin unha vintena de instrumentos, creara un agrupamento musical bandístico. Mais aconteceu que este primixenio intento chocou coas feroces rivalidades políticas en que se vía inmerso o Viveiro desa época, que habían desembocar traxicamente no tiroteo de 1911 que levou por diante a vida inocente dunha vendedora de queixos na Praza e que foi abondosamente aireado en toda a prensa peninsular co revelador nome de “Los sucesos de Vivero”.

Efectivamente, os liberais, por medio do semanario El Vivariense, levaron adiante unha campaña de críticas constantes ao traballo de Latorre, denunciando as súas presuntas ausencias inxustificadas ás clases da Escola municipal, protestando polo pésimo estado do instrumental da banda, facendo burlas sobre a súa cualidade musical, etc. En 1896 os concelleiros liberais Trobo e Rafael Galdo defenderon na Corporación unha proposta de destitución de Latorre, que foi rexeitada, mais o propio director presentou daquela a súa renuncia alegando motivos de saúde, para trasladarse de seguido a Ribadeo. O instrumental desa frustrada banda, segundo Nuevo Cal (“As Bandas de Música de Viveiro (1848-1936), Viveiro en Vivo, Ano I, nº 2, nadal 1988, pp. 20-27), sacouse a subhasta e os músicos repartíronse en dúas novas agrupacións de menor entidade, a “Música de Cazadores”, encabezada por Francisco Peláez, e a “Banda de Ingenieros”, dirixida por Juan Rivas.

Banda de Música "La Lira", de Viveiro, promovida nos anos 20 por Manuel Amor, (a) Tolino.

José Botino tomou o relevo durante algún tempo como director dunha pequena banda popular que atendía as actuacións nos festexos máis relevantes do ano viveirense. Trala súa precoz morte, xurdiu un novo agrupamento, da man de Balbino Díaz Deán (O Cristino) co nome de “La Escala”, que conviviu nos anos 10 do pasado século con outros como a banda da Liga de Amigos e a Sociedad Filharmónica (1913), ambas baixo a batuta de Juan Latorre, retornado a Viveiro desde 1904. Da citada Filharmónica facían parte os violinistas Moisés Peláez, Ricardo Galdo, Jesús Pena, Jesús Fernández Veiga e Ramón Canosa, o tanxedor de viola Manuel Mera, o contrabaixista Nemesio Barreiro Casal, o violonchelista José Salaverri e o frautista Francisco Pena.

A banda do Cristino, chamada con malicia “banda d'o esgarro”, na que formaban músicos viveirenses de orixes populares, moitos deles zapateiros, como Vicente Pérez (Camacho), Antón do Forno, José Bermúdez (PepeRanda), Antonio Rodríguez López (Cuco), José Guerreiro (Goyo)e os irmáns Preñados, tíos da muller de Vicente Pérez, foi finalmente absorbida en 1917 pola Banda de Exploradores de Juan Latorre Capón, gozando así Viveiro por vez primeira dunha Banda de Música de valía certa.

A banda de Exploradores, que non tiña vínculo co Concello, debutou en xuño de 1917 nunha velada no Teatro Nemesio e a comezos de 1918 estaba composta por un total de vintecinco músicos, máis o director, entre os que figuraban Eugenio González e Cirilo Romero (bombardinos); Manuel Amor (baixo); Francisco Yáñez, Benigno Soto e Cesáreo González (trombóns); Felipe Fernández (trombino); Juan Paraños e Manuel García Atadell (fliscornos); Herminio Amor, Benigno Gómez, Bernardo Fernández e Vicente Cociña (cornetíns); Francisco Pena, Nemesio López, Eusebio Taboada e Agapito García Atadell (clarinetes); Andrés Mariño (requinto), etc.

Ben é certo que esa agrupación padeceu axiña problemas internos, que a debilitaron enormemente tras a marcha de varios elementos encabezados por Manuel Amor, o Tolino. Refeita nos anos finais da ditadura de Primo de Rivera e asumida nalgún instante como “banda municipal”, asistiu xa en plena 2ª República ao momento de xubilación do seu director Latorre, con nada menos que 75 anos de idade, que cedeu a batuta, tras a correspondente oposición, a Hixinio Cambeses Carrera.

A chegada a Viveiro en 1935 deste músico marca un punto culminante no panorama local nos tempos da 2ª República. Cambeses, que era fervente republicano e simpatizante do Partido Galeguista, traía consigo unha prolífica obra musical propia inspirada nos motivos tradicionais galegos e foi un director pioneiro á hora de introducir as gaitas na formación, opción esta que nunca sería do agrado do músico e xornalista viveirense Jotraque.Desa obra de Cambeses, pendente de recuperación na maioría dos casos, pois non en balde o seu autor fixo parte do bando dos derrotados e represaliados no 36, cabe sinalar pezas como os pasodobres “¡Ard'o eixo, carballeira!” e “Cántigas da ría”, a balada “Terra Nosa”, a muiñeira “Miña xoia” e a xota “Carballeira”, mais tamén o danzón “Allá en Camagüey” ou a marcha-diana “¡Libertad!”, de título ben elocuente.

Banda de Música de Viveiro, con Hixinio Cambeses como director (Anos 30 do século pasado)
Ao comezar a guerra o 18 de xullo de 1936, Cambeses é detido, torturado cruelmente e destituído manu militarido seu posto de director. Tras deixar Viveiro, en 1943 estabelécese en Cuntis, onde dirixe a banda en medio de terríbeis padecementos psíquicos, e en 1948 trasládase a Padrón, onde intenta suicidarse varias veces. Nunha delas, mentras era atendido nun hospital de Pontevedra, conseguirá aforcarse cunha saba, pondo así tráxico final ao seus días.

Logo da destitución represiva de Cambeses fíxose cargo da Banda de Viveiro Jesús Pérez Rivas (Camacho), quen cesou no posto por traslado en 1944. Tras períodos de interinidade en que estiveron á fronte do agrupamento musical, sucesivamente, directores como Francisco López Díaz (O Curto), Carlos Adrán Cambón e Ramón Amor o Tolino, asume o posto o músico ortegano Manuel Rebollar Martínez, que llo traspasa pola súa vez en 1956 a un mozo de apenas vintesete anos entón, chamado Alfonso Mariño Parapar.

Cómpre sinalar, en paréntese, que cando Ramón Amor deixa de dirixir a banda de música de Viveiro é para crear a orquestra “Amor”, que con figuras como Benigno Soto na batería, Toniño no contrabaixo e Juano de Xove no acordeón, estará en activo ata 1963, coa “Variedades” como grande e “eterna” rival nos palcos...

O 28 de marzo de 1958 fixo o seu debú a Banda de Música de Viveiro de Alfonso Mariño Parapar. Tras unha pequena paréntese, reorganízase en 1965, con mulleres entre os integrantes (cousa nada habitual entón) e chega en activo ata 1992, con algún interregno en que exerce como director interino Antonio Amigo (1960-61).

Desde mediados dos anos 80, porén, a Banda de Don Alfonso, que sempre tivo unha forte compoñente xuvenil no seu cadro, estivo atravesada de tensións, por motivos moi diversos. Un, a polémica sobre o alcance do seu carácter “municipal” e os dereitos que iso daba presuntamente aos músicos en canto traballadores do Concello. Outro, a necesidade de dotarse dun regulamento interno e dunha Xunta Directiva que non deixase ao albur do director absolutamente toda a xestión e todas as decisións, incluídas as disciplinares. Para a elección dos representantes dos músicos nesa Xunta chegaron a enfrontarse en 1987 senllas candidaturas, encabezadas respectivamente por Modesto Fustes e Hernán Naval, respectivamente, con triunfo da primeira por 23 a 16 votos. Outro motivo de discordia intestina foi a demanda de creación dun Conservartorio na vila, que non foi acollida nin moito menos con entusiasmo por algúns sectores. Outro máis, aínda, o xuvenil descontento interno dunha boa parte dos seus músicos, por polémicas como a negativa do director a actuar gratis para a televisión ao paso dunha Volta Ciclista. Moitos deses músicos novos (Cayetano Navarrete, o Yupi, Beni, Paco Flo, etc...) marcharán da banda nun momento dado para fundaren a charanga “Os Yoscos”.

Esta crise da Banda comezaría a superarse cando se produza a xubilación de Mariño Parapar (1992) e, tras un breve período de Carlos Méndez como director no propio ano de 1992, a entrada na dirección de Francisco Javier Vidal Suárez, que permanecerá no posto ata 2005. O período posterior, co ponteareán Delio Represas Carrera á fronte e coa entidade rebautizada como Banda de Música “O Landro”, resulta de grande brillantez e incluíu un solemne concerto de conmemoración, en novembro de 2008, do cincuenta aniversario da súa refundación, no que participamos cun texto (logo publicado por entregas no semanario Heraldo de Vivero) en que evocamos as anécdotas e vivencias da nosa etapa de músico nesta agrupación, que vive desde agosto de 2015 un novo cambio, baixo a competente batuta de Carlos Timiraos Timiraos.

Desde 2011 celébrase nas vésperas da Semana Santa un Certame de Bandas Cidade de Viveiro que permite coñecer e gozar do traballo de moitas destas agrupacións chegadas desde diversos puntos da Península.

Na morte do meu amado pai

$
0
0
O pasado venres 28 de outubro faleceu en Viveiro meu pai, Emilio Antonio Ínsua García.

Para el, que xa descansa para sempre, estes versos de amor, escritos na madrugada do día da súa definitiva partida.




 O corazón está en vixilia
mentres te nos vas indo, pai.

Foches un agasallo da vida,
un orballo de agarimo entregado
constantemente.

Non houbo sede
para a que non tiveses
auga que nos dar.

Non houbo soño
ao que non lle insuflases
amor, alento e riso.

Non houbo un só intre
en que nos fallase 
o teu aceno de amor
inundándonos o corazón.
por sempre e para sempre.

DESPEDIDA PARA NARF

$
0
0

Compañeiro:

A túa morte, tan inesperada e súpeta, prívame dun amigo na distancia ao que sempre foi grato e fecundo reencontrar, mais tamén dun músico referencial, que soubo facer vibrar decote o máis fondo do corazón co seu talento, a súa forza, a súa capacidade de transmutar en beleza calquera texto cos acordes dunha guitarra eléctrica verdadeiramente desbordante.

Coñecinte na Compostela de mocidade para ambos, a da segunda metade dos 80 do pasado século, cando aínda non eras Narf, senón Fran.

Compartimos, e síntome feliz de ter ese recordo para sempre comigo, algunhas noites de Curruncho, de Taraska e de Crechas e algúns debates sobre a nacente Galiza Nova, con Sonia, Isabel, Xabi Camba, Miguelito, Antelo, Pilar, Pibe, Tareixa, Gharrido e tantos outros.

Ouvinte tocar con “Nicho Varullo”, cando aínda eras diamante musical por tallar, e rin a fartar unha noite no Principal mentres o teu “Chévere” nos levaba ao seu peculiar Río Bravo (flaca...flaca...flaca).

Despois, anos de distancia, de non saber que facías e por onde andabas, ata que reapareces feito un xigante musical cargado de ritmos mozambicanos e músicas anovadoras. Nunha tarde dun verán se cadra de finais 90, nunha das praias do Carreirón na Arousa, reencontrámonos: era difícil non fixarse naquel individuo branco relativamente baixiño que se estaba a bañar con catro ou cinco pretos mozambicanos que ao seu lado parecían canaveiras altas... A conversa que tivemos parecía das acabadas de deixar, así de próximas seguían as empatías entre nós.

E desde entón, fun membro entusiasta da laica confraría dos teus seareiros devotos, fose nos “Cantos na maré” de Pontevedra, fose nalgunhas actuacións en institutos para achegar Rosalía á rapazada da mellor das maneiras, coas túas versións dos seus poemas inmortais. Poucos músicos galegos admirei e admiro tanto, a poucos sentín tan próximos ao que penso e sinto coma ti.

Aínda onte, vibraron no ar as nosas apertas fraternas nos claustros de Santo Domingos de Bonaval, antes de actuares nas xornadas do STEG “Palavrar a lingua”, e nos xardíns da Biblioteca Luís Rei de Cambados, en agosto, cando fixeches derreter cantando con Uxía aquela tarde fermosa con sabor a albariño en todos nós, os que soñamos a túa mesma Galiza imaxinaria.

Aló onde o teu espírito, sempre fraterno e sempre libre, continúe soñando, compoñendo, cantando e amando, recibe esta fondísima nova aperta que che mando. 

Un verdadeiro privilexio impagábel terte coñecido.

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (VI)

$
0
0
Banda de música La Lira de Viveiro, formada nos anos 30 por membros da familia Amor, coñecida popularmente polo alcume de "Os Tolinos"
Algúns grandes músicos e algúns escritores viveirenses musicados

Ao falarmos nunha entrega anterior das Bandas de Música, aludimos ás rivalidades musicais existentes entre viveirenses e foráneos, vilanchos e fúfaros, mais en honra á verdade debemos dicir que igual de intensas ou máis foron algunhas que se deron entre as colectividades musicais da propia Vila.

A que leva a palma neste sentido, sen dúbida, é o “pique” que existiu nos anos finais da Ditadura de Primo de Rivera e primeiros compases da 2ª República entre a recomposta Banda de Exploradores, dirixida por Juan Latorre Capón e da que facían parte, entre outros, os irmáns Lole e Xuxo de Manaí [Manuel e Jesús Cora Quiroga], O Curto [Francisco López Díaz], Nito do Chucho, Emilio Timiraos, Quiberio e Paco do Chirivico, e a banda de “La Lira”, fundada e sostida pola familia Amor, os Tolinos, de aí que moitos a chamasen ironicamente “A Sagrada Familia”...

Esa rivalidade tivo a súa máxima expresión na celada que a banda dos Tolinos lle tendeu aos pupilos de Latorre durante un pasarrúas nas festas do Carme de 1930. 

Agochados nun calexón dos que desembocan na rúa de Abaixo, agardaron a que pasase a Banda dos Exploradores tocando, situáronse detrás dela en silenciosa formación e, cando foi dado o sinal, comezaron a tocar os seus instrumentos ad libitum en barafunda tremenda, que causou o susto primeiro e a indignación despois dos de Latorre, que responderon arremetendo contra os provocadores e brandindo os instrumentos como quen leva unha moca... A batalla campal que alí se armou non figura en ningún libro épico porque non houbo poeta en Viveiro capaz de retratar en toda a súa intensidade semellante “bélica” ocasión...

Pacífica, aínda que a “cara de can”, resultou posteriormente a coincidencia de ambas bandas nas festas de Naseiro de 1932 e, como explica Nistal no seu Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi (2001: 112):

había que ver como se dividían las opiniones y como sonaban los aplausos de los partidarios de unos y otros, y con que calor se discutía sobre la superioridad de este sobre aquel”.

A esa saga de músicos extraordinarios que foron os Tolinos pertenceu Ramón Amor García, animador de numerosos grupos musicais en Viveiro (bandas, rondallas, orquestras...) e autor de algunhas melodías sobre versos do poeta Francisco Leal Ínsua, que habería que facer por resgatar; Raúl Amor García, que chegou a dirixir a rondalla da “Hermandad Gallega” de Caracas; Herminio Amor García, que exerceu como músico trompetista na Banda de Infantería de Marina de Ferrol; Antón Amor García, que foi bombardinista; Manuel Amor García, que tocaba o baixo; e, por último, Chudo Amor García, frautista. Varios dos vástagos Tolinos fixeron parte do grupo “Salsa Mandinga”, que acompañou a artista Rocío Dúrcal na época en que se puxeron moi de moda as “rancheras” mexicanas.

Por outra banda, canda aludimos a algúns conflitos que se deron no seo da banda dirixida por don Alfonso Mariño, amentamos puntualmente a figura de quen cabe considerar, pensamos, un dos grandes músicos da historia de Viveiro, aínda que non fose precisamente “profeta na súa terra” nalgúns aspectos, por razóns que non é o caso comentar aquí.

Hernán Naval
Falamos de Hernán Naval (1962-2001), que se formou en diversos conservatorios, foi músico trompetista da Banda dirixida por Alfonso Mariño, profesor do Conservatorio de Música de Viveiro nos seus primeiros pasos, director da coral polifónica do C.I.T. de San Cibrao entre 1987-1989 e director da banda e da escola de música municipal de Ribadeo entre 1992 e o ano da súa morte. Foi, ademais, autor de pezas musicais como “Saraxevo” e “Port-Bou”, presidente da A. C. Sementeira e da A. C. Francisco Lanza, autor teatral e colaborador asiduo de cabeceiras como os semanarios A Nosa Terra, Badal, O Trasno de Burela ou Beiramar de Ribadeo, onde coincidiron os seus escritos cos nosos moitas veces. 

Á súa teimosa e lúcida defensa da idea en 1988 debemos hoxe todos os viveirenses que o Teatro Pastor Díaz non fose pasto da piqueta e fose debidamente restaurado e acondicionado para cumprir o papel que lle corresponde como espazo cultural. Tamén cabe atribuírlle a Hernán boa parte do esforzo propagandístico, a comezos dos anos 80, para crear un estado de opinión favorábel á feliz creación en Viveiro dun Conservatorio de Música, institución que hoxe resulta consubstancial xa coa localidade.

Outra rica perspectiva sobre a tradición musical de Viveiro dánola considerar a existencia de numerosos escritores viveirenses que forneceron ao longo da historia versos do seu enxeño para acompañar as melodías que interpretaban as comparsas e agrupacións musicais da localidade, fose en Antroido, fose durante as festas de verao, fose en determinadas solemnidades, como os Xogos Florais ou o primeiro centenario de Pastor Díaz, en 1911. 

Entre eses “letristas” ocasionais pero de luxo cabe citar nomes como Vicente Sergio López Carril, Xoán Pla Zubiri, Alfredo García Dóriga, Antón Villar Ponte, Antón Noriega Varela, etc.

Algúns deses escritores viveirenses beneficiáronse da amizade e o talento de determinados compositores e viron versioneados musicalmente traballos literarios seus. Tal é o caso de Xoán Pla Zubiri, cuxa composición “Morriña” é convertida en “melodía gallega” en Trives, en 1906, por Ricardo Courtier, director do famoso cuarteto “Os Trintas”.

Do mesmo xeito, Antón Villar Ponte colabora con varios coros populares na creación dun repertorio de estampas galegas musicadas, con pezas como A probiña está xorda, inspirada nun texto de Rosalía de Castro e musicada por Mauricio Farto para o coro coruñés “Saudade”, que a estrea en maio de 1926, e A festa da malla, con música de Fernández Amor, feita por encargo do coro ferrolán “Toxos e Froles”...

Lugar de honra merece, dentro da historia da música operística galega, a versión que Eduardo Rodríguez Losada Rebellón fixo da peza teatral O Mariscal, escrita por Antón Villar Ponte en colaboración con Ramón Cabanillas. Esa versión musicada estrenouse no Teatro Tamberlick de Vigo en maio de 1929. Un dos compañeiros dos irmáns Villar Ponte nas Irmandades da Fala, o violinista pontevedrés Manuel Quiroga, actuou no Teatro Nemesio de Viveiro en xuño de 1924, cando a súa proxección internacional xa era enorme.

Cabe falar tamén da relativa boa “sorte” do poeta da Montaña, Noriega Varela, cuxos textos foron obxecto de versións musicadas, tanto a nivel popular, caso do grupo viveirense “Xistra” (Andrés, Atadell, Dani Fernández Caxete), como a nivel culto, con pezas como “O demo”, con música de Xoán L. Fuertes Saavedra, “Saudade” con música de J. F. Vide, “Laverquiña”, con música de Miguel Lustres ou “As froliñas dos toxos”, con partitura de Eduardo Toldrá.

Xa falamos do “himno eucarístico” escrito por Luz Pozo Garza e musicado por Antonio Amigo en 1961, para o 2º Congreso Eucarístico, mais cómpre engadir que no Programa de Festas de Viveiro de 1945 inseriuse unha composición poética de Plácido Holguín Moas, titulada “¡Viveiro!”, que coñecerá posteriormente moita fortuna como peza de repertorio coral entre nós: “Nacín entre un paraíso / das froles máis feiticeiras, / nacín n'aquel Viveiriño / do rexio mar âs súas beiras (...)”.

Por último, a banda infantil do colexio Lois Tobío, dirixida polo profesor Manuel Rodríguez, atesoura entre outros moitos méritos o de terlle posto música ao primeiro poemario infantil do noso amigo Xoán Neira, Recreos, publicado en 1997 pola editora coruñesa Baía.

Entrevista con Anxo Angueira

$
0
0


Natural da aldea de Manselle, na parroquia de San Xián de Laíño (Dodro), onde naceu en xaneiro de 1961, Anxo Angueira Viturro é o actual presidente da Fundación Rosalía de Castro. Á súa destacada traxectoria como activista cultural nas Redes Escarlata e como poeta e narrador une a condición de docente e catedrático de lingua e literatura galegas, polo que non quixemos privarnos do pracer de conversarmos con el sobre todas estas facetas.

Foches alumno en Padrón de Bernardino Graña, que deixou en ti unha pegada fonda, segundo se deduce do fermoso poema que lle dedicaches (“soubo engaiolar con xustas verbas”, dis nun verso). Que lembranzas tes deses tempos de estudante? 

Foron anos marabillosos. Había unha revolución extraordinaria nos nosos corpos adolescentes que ía parella á operada nos nosos coñecementos a través do Instituto e das lecturas e, sobre todo, á que se estaba dando na rúa. Morría Moncho Reboiras, morría Franco... e todo parecía estar nacendo. Gardo moi boas lembrazas de case todo o profesorado e, naturalmente, de Bernardino Graña, que deixou unha poderosa semente de literatura e poesía en toda aquela xeración. 

As túas orixes rurais e a túa extracción social humilde, non supuxeron un estigma nesa etapa? Imaxino que daquela o “señoritismo” na vila de Padrón aínda tiña algún predicamento, nonsi?

 Claro, claro. Eu xa fora á escola a Padrón desde os 10 anos. Vivín toda esa época na vila coma un rapaz de aldea, pero era un estigma que sempre levei ben. Acudíamos a Padrón mozos e mozas de Rianxo, Laíño, Valga... E fixemos Padrón noso. Padrón é unha vila así, complexa, feita de varios fíos, onde cabe o popular e o elitista. Pero tamén che podo dicir que no propio cerne da vila había e hai unha corrente de pensamento republicana e galeguista que convivía co franquismo. É iso o que explica, con Rosalía, a forza e a presenza da bandeira galega en Padrón nos anos da ditadura e que fixo da vila un lugar de referencia e de respiro.

E como che “naceu a conciencia”, que diría Rigoberta Menchú? En que momento comeza a túa traxectoria de activista polo país e en que ámbitos ou con que referencias se insire inicialmente? 

Nos anos do Instituto de Padrón. Foi aí onde confluíron para min diferentes feitos, vivencias, contactos e lecturas. Na casa en que vivía tiña ó meu dispor unha biblioteca magnífica. Tiña a Manuel Antonio, a Sartre, a Camus... mesmo ó Ruedo Ibérico, e por suposto as novidades daquel tempo, como a primeira edición de Con pólvora e magnolias (1976). E tiña a Amancio Prada con Rosalía e o José Afonso... Convivía cunha persoa que me marcou fondamente, que lía e escribía, e que exerceu en certo xeito de guía maior: Xosé Luís Cristobo. E fóra, na rúa, estaban manifestacións de tanto impacto coma a do aniversario da morte de Reboiras, alí, nos meus fuciños, no Espolón de Padrón. E estaba o Instituto, con colegas de similares inquietudes e profesores que estaban da nosa beira, non só Bernardino. E estaba tamén O Sacho, a asociación cultural de Padrón, todo un fito histórico na vila e na comarca. Foi no instituto onde dei os meus primeiros pasos na escrita literaria, mesmo na investigación, e tamén na militancia política.

Tocouche facer estudos universitarios na Compostela dos anos inmediatamente posteriores á morte do ditador. Que lembranzas gardas daquel tempo? E da Facultade? 

A miña vida universitaria foi pouco convencional. Vivín en Padrón e Manselle practicamente todos eses anos, dado que tiña que traballar. Facíao nunha empresa familiar repartindo mercadorías, na oficina... Así que ía e viña a Compostela practicamente tódolos días. En xeral eu andaba queixoso de que o que eu quería estudar, Filoloxía Galega, fose unha subsección de Filoloxía Hispánica. Estaba queixoso de moitas cousas. E algo desnortado. O brillo da aprendizaxe do Instituto parecía que se estaba esvaíndo. Con moi poucas excepcións, aquela Facultade decepcionoume. Estaba iso si, dentro das murallas da cidade vella, en Mazarelos, e iso era para min algo que lle daba un especial encanto. Depois estaban os colegas, algúns dos cales xa tamén escribían... Creo que foi unha etapa gris da miña vida. De feito, recuperei as miñas inquedanzas académicas moito despois. Fixen a tese con máis de corenta anos! 

No libro de viaxes Terra de Iria, que publicaches en 2002 nas desaparecidas Edicións A Nosa Terra, fas un percurso moi emotivo pola túa comarca de nacenza, poñendo á vista un senfin de referencias e elementos de interese que adoitan pasar desapercibidas. Como avalías o aproveitamento que se está facendo hoxe das potencialidades desa comarca para o progreso das súas xentes?

Para min foi un enorme pracer escribir ese libro. Tratábase de indagar na miña propia terra, mesmo de demarcala, por riba das provincias e das divisións administrativas. Creo que “Terra de Iria” está moi ben para falar de Padrón e concellos limítrofes, esas terras onde morren o Sar e mailo Ulla, tan ben descritas por Rosalía en “Como chove miudiño”. Creo que hai un desaproveitamento manifesto. En xeral as autoridades déixanse ir. A iniciativa pola súa banda rexístrase en moi contados casos: sempre está en mans de asociacións con inquietudes pero que carecen de capacidade política. 

A comarca de Iria (co monte Meda e cos ríos Ulla e Sar) é protagonista indiscutíbel, ademais, das túas novelas Pensa nao (1999, Premio Xerais) e Iria (2012). Ambas teñen un recendo histórico e épico moi forte, que se combina con moito lirismo no manexo da linguaxe. Vense, ao meu ver, dúas novelas moito máis maduras, ambiciosas e poderosas (quizais por seren menos “sentimentais”) que Bágoas de facer illas (1997, Premio Café Dublín) e A morte de A. (2003). Compartes esta opinión? De cal delas estás a día de hoxe máis satisfeito? 

Si, estou de acordo. Pensa nao e Iria son novelas con anos de documentación e reflexión. Pensa nao foi escrita contra a destrución da miña aldea, do seu pasado, da súa historia. Tratábase de describir unha aldea distinta ás convencións literarias e políticas herdada desde había décadas e que situaban os labregos de costas ós avances técnicos e ó asociacionismo político. Foi apaixonante. A intrahistoria da súa escritura ten implicacións persoais moi fondas, como as cartas familiares da emigración desde fins do XIX, os testemuños orais... e a propia memoria dos traballos e dos días. Era tamén unha homenaxe a Manselle, considerada durante moitos anos a aldea rusa da parroquia, e á II República, ós “americanos” que viron esgazadas as súas vidas no 36: fuxiran á emigración en 1900, regresaron nos anos vinte con cartos e proxectos de modernización e rexeneración e o fascismo botounos de novo a América. En Iria tamén me impliquei moi a fondo. Mentres a escribía entendín ata que punto a paisaxe do Ulla final, enchendo e devalando coas mareas da Arousa e cruzado por dornas e galeóns nas memorias desde a miña aldea, puido condicionar toda a miña escrita literaria. Iria permitiume cumprir un soño: navegar a vela e facer que as dornas e os galeóns volvesen ó meu particular río da vida. Estou moi satisfeito coas dúas. Ademais, elas esíxenme unha terceira con insistencia. Outra novela que peche o meu particular ciclo histórico. A ver se podo estar á altura.

Poucas persoas coñecen tan a fondo a obra literaria (e non só) de Méndez Ferrín. A ela dedicaches unha Guía de lectura de Con pólvora e magnolias en 1992, unha edición da Poesía enteira de Heriberto Bens (1999) e mais a túa tese de doutoramento, logo editada por Xerais (2009) co título de A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego. Coidas que aínda se move a súa obra nas quinielas para o Nobel? Que méritos ou virtudes máis relevantes destacarías dela? 

Se hai un autor galego que concite certa unanimidade á hora de recoñecementos, ese é Méndez Ferrín, creo eu. Os méritos e virtudes son dificilmente sintetizables e tanto no ámbito literario coma no político son basilares para entender a Galicia contemporánea. Creo que ó tempo que buscou a autonomía do campo literario (Bourdieu) defendendo que o principal compromiso do escritor é coa función poética da linguaxe, tamén fixo unha intervención decidida e moi exitosa no campo literario galego, nas súas máis relevantes encrucilladas, sempre desde unha perspectiva de vangarda e en diálogo coa literatura universal. A súa traxectoria literaria é especialmente brillante. Pensamos no Ferrín poeta e narrador. Pero están tamén aí, e moi poderosos, o Ferrín investigador e ensaísta ou o Ferrín articulista ou o que fixo posible A trabe de ouro. Velaí o Ferrín coma un faro de luz permanente. 

En 1995 publicas un traballo divulgativo, titulado De Rosalía a Dieste. 33 anos das Letras, que xira arredor das figuras homenaxeadas ata esa altura o 17 de maio. É esta unha data simbólica moi cuestionada ultimamente desde algúns sectores. Que opinión tes dela, da súa “utilidade” normalizadora ou da súa propia concepción? 

Eu defendín sempre o Día das Letras Galegas. Que sexa festivo ou deixe de selo non me parece especialmente relevante. Agora: prefiro que o sexa antes cá Inmaculada Concepción ou o Día do Pilar, poño por caso. Parécenme absolutamente nefastas as críticas que o poñen en cuestión, algunhas moi propias do autoodio. O DLG é unha das grandes conquistas da nosa cultura, iniciada e consolidada xa en pleno franquismo. Oxalá teña unha longa vida.

No teu ensaio Das copras de Sarmiento ós Cantares de Rosalía de Castro. Cara unha nova periodización do Rexurdimento, editado en Berlín por Frank & Timme en 2013, sostés unha proposta de consideración da figura do ilustrado e do seu Coloquio de 1746 como auténticos precursores e alicerces do Rexurdimento, o que implicaría unha revisión moi a fondo dos conceptos que vimos manexando ata o momento na periodización da nosa literatura. Que tal está sendo a acollida a esta túa proposta? 

Pois creo que o mundo que xira arredor da Historia da Literatura, especialmente no ensino, é un mundo en xeral conservador, para o que é máis cómodo non cuestionar o relato canónico, repetir o consabido. Neste sentido, o dito por Carballo Calero, con tódolos acertos e tódalas eivas e prexuízos, continúa indo á misa. Penso que iso, por outro lado, é o normal. Aínda así, está claro que non só eu, se non que moita outra xente e nos máis diferentes aspectos está facendo achegas na investigación e análise que rompen con este relato (véxase o caso de Rosalía) e que sen dúbida acabarán chegando, poño por caso, ós libros de texto. Por iso estou traballando na construción dunha nova visión da Historia da Literatura Galega Contemporánea que incorpore estes avances. E claro, para min, e creo que o demostrei, o Rexurdimento non se entende sen Sarmiento e o seu Coloquio. 

Nesa mesma obra, destacas as conexións que se estabelecen entre a proposta de Sarmiento e a de Rosalía: Galiza e as súas clases populares como suxeitos, protagonismo feminino, importancia da paisaxe, apelo ao popular como modelo estético... Ves continuidade na literatura galega actual deses mesmos esteos ou andámosche xa niso que chaman “posmodernidade”? 

As cousas mudaron, como é lóxico, notablemente. Agora ben, creo que a xénese do sistema literario contemporáneo está feita con eses e outros vimbios, ós que despois se foron anoando outros. Non me digas que non ten o seu aquel que os personaxes da novela galega de máis impacto, A esmorga, teñan os mesmos perfís sociais e onomásticos cós “rústicos” de Sarmiento. Hai un substrato, e nel está tamén o espírito crítico e político do texto, que está en Sarmiento e que despois se manifesta das maneiras máis diversas. E Marcos da Portela fai súa a ría de Pontevedra, como despois Rosalía, Pondal, Manuel María ou Novoneyra fixeron seus a Terra de Iria, Bergantiños, a Terra Cha ou O Courel. En canto á posmodernidade, creo que lle dá a todo, aínda que probabelmente o posmoderno desde o punto de vista intelectual sexa algo que xa se esfumou: a historia continúa. 

Un artigo teu en A trabe de ouro, revista da que es habitual colaborador, propuña unha lectura anovada, e “alternativa” en certo sentido, do libro O Divino Sainete de Curros Enríquez. É a galega unha literatura necesitada de revisar a fondo os seus clásicos? Por que cres que, no caso de Curros, se operan esas lecturas “desviadas” sobre aquilo que realmente escribiu e quixo dicir? 

Pois claro que cómpre revisar todo, incluídos e aínda máis os clásicos. Creo que esa debe ser unha actividade permanente. No caso de O divino sainete, resulta penosa a visión que del se deu sempre, penso que por prexuízos, algo que o fixo desaparecer das historias da literatura. Xa o propio autor se queixou en vida. Este tipo de prexuízos, que son os mesmos cos que Emilia Pardo Bazán recibira os Aires da miña terra, simplificaron a súa lectura impedindo reflexionar sobre o contexto histórico da obra e condenaron a súa estética (e aí tamén está o popular e o rebaixamento bakhtiniano de Sarmiento!) impedindo ver a brillantez do conxunto. Para min é unha obra de referencia do Rexurdimento e fundamental desde a óptica sistémica: nela están as claves, os horizontes e dificultades, dunha literatura incipiente. Tamén os seus inimigos. 

Recitando en Cambados, no Ano Cabanillas (2009)
Durante anos exerceches como coordinador do Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, patrocinado polo Concello de Dodro e fixeches tamén unha antoloxía que Enma Lázare traduciu para o francés co título de Poésie Galicienne de 1936 à 1990 e que foi editada en Bélxica en 1999. Imaxino que ambos labores che deron certa perspectiva privilexiada sobre unha parte, cando menos, da poesía galega que se estivo facendo na segunda metade do século XX e comezos do XXI. Que nos podes comentar a este respecto? Es dos que coidas que a nosa lírica está nun nivel de cualidade tan alta como ten sinalado o poeta leonés Gamoneda? 

Si, claro, estou con Gamoneda, que é un dos poucos poetas que comezou a coñecernos e a respectarnos. Gamoneda foi durante tempo unha das poucas excepcións (agora hai máis) en canto ó diálogo interliterario: nós líamolo e el líanos a nós, sabía de nós. A poesía en Galicia creo que é un caso extraordinario. A forza da creación poética na nosa lingua é o auténtico milagre do mundo, parodiando a Pimentel. Aquela antoloxía en galego e francés axudou a divulgar o feito poético de Galicia nos países francófonos. E foi unha honra coordinar o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo, que tantas voces novas axudou a descubrir. E precisamente é iso, a continua renovación das voces, a forza con que aparece a cada pouco a mocidade o que realmente constitúe unha regalía literaria.

A túa traxectoria como poeta comeza con Val de Ramirás (1989), que obtivo un accésit no Premio Esquío, mais é O valo de Manselle (1996), se non me trabuco, o libro poético que realmente che outorga certa sona e aplauso por primeira vez entre o público. Que opinión che merecen eses poemarios, pasado o tempo? 

Val de Ramirás era un ensaio en clave de retórica dos 80. Pero O valo de Manselle supuxo varias revoltas na miña escrita, que pasou a ser fortemente dialóxica e aberta á oralidade. Tratábase de estar á altura tamén, co poema homónimo, do esforzo comunal de toda unha aldea, un soño solidario que se fixo realidade, unha aldea virada sobre si mesma, sobre os seus propios horizontes e a súa memoria, de costas a unhas institucións que sempre falaron noutra lingua, en tódolos sentidos. A experiencia da construción do valo, pedra a pedra, rebo a rebo, con toda a aldea, foi en si mesmo o máis alto proxecto poético no que participei. Foi unha sorte vital inesquecible que me puxo no meu sitio. E aquilo merecía un poema, desde logo. E moito máis: un libro, por pequeno que fose. 

En O valo de Manselle tes un poema, “Que me mandou, mi madre”, que resulta dolorosamente pioneiro no tratamento dun tema que se está a facer habitual na nosa poesía, que é o da ruína e abandono das aldeas do rural. Moitas delas están convertidas, como di Fernán-Vello no título dun seu libro, en Territorio da desaparición. Cres que poderemos reverter algún día esa dinámica? Como? 

Difícil. A organización do espazo da nosa cultura, a súa singular ocupación a través das aldeas, coma antes dos castros, vai perdendo sentido nesta altura do capitalismo. E tampouco se trata de idealizar o mundo aldeán. Moita xente intenta reocupar as aldeas imaxinando unha vida e un mundo que non hai en absoluto. Para que a aldea sobreviva (que vai sobrevivir) ten que haber actividade económica con futuro no seu espazo, ten que haber unhas condicións e uns servizos axeitados. Pero ó final o problema é tamén que envellecemos como país.

Con Fóra do sagrado (2007) quixeches construír e enunciar nunha espiral incesante de referencias á memoria épica de Vigo, as mil e unha ocasións en que a cidade se erixiu ao longo da Historia en referencia para o noso hoxe comunal, desde Martin Códax a Siniestro Total, pasando pola imprenta Compañel, os xornais La Oliva,Galicia ou El Pueblo Gallego, o bou Eva, as folgas do 72 e a UPG-Liña Proletaria. Resultouche tan marcante a túa estadía persoal na cidade? Que opinión che merece a política que se está a facer desde a súa alcaldía nos últimos tempos? 

Si, naturalmente Vigo marca. O que eu quería entre outras cousas nese libro, que saíu ó mesmo tempo que o Vigo de Helena de Carlos, título que eu lle quería tamén pór, era falar de Vigo coma esa potencia de metal que vertebra a historia contemporánea de Galicia. Era contestar ese discurso tópico contra as costas e os adefesios de Vigo. Por outro lado, tiven a sorte de poder presentar en Vigo e levar o meu Fóra do sagrado por varias cidades con Leo Arremecághona, vigués de Matamá, cun cadro do Berbés de fondo, obra dos irmáns De Dios de Ourense. Aquilo foi fantástico! Lembro que á presentación no Instituto Santa Irene acudira Concha Nogueira Miguel. Estaba o salón Leónides de Carlos absolutamente cheo. E unha das personaxes do libro era precisamente ela, a súa voz de rapariga chorando a morte de seus pais no bou Eva... Probablemente Vigo non tivo sorte cos seus alcaldes e alcaldesas. Agora ben, a galeguización que levou a cabo Soto, poño por caso, foi un fito histórico. No revés está por exemplo a Cruz do Castro, que é a lousa coa que pasará á historia o actual alcalde. 

Teño que preguntarche tamén polas Redes Escarlata. Seguen vivas e actuantes? Que papel xogaron no panorama do seu tempo? Cal cres que foi o seu mellor contributo? 

As Redes Escarlata cumpriron un papel penso que moi relevante na primeira década do século. Forneceron de pensamento crítico e moi consistente desde a esquerda nacionalista e independentista nun momento histórico moi delicado, cunha ofensiva antinacionalista e reaccionaria moi potente desde a metrópole, co goberno de Aznar. Recuperaron ademais unha idea política hoxe vixente, a da República Galega. E sobre todo supuxeron unha intervención poética e plástica especialmente renovadora onde se xuntaban figuras consagradas e poetas novísimas, véxase Xuro que nunca máis pasarei fame. Seguen vivas? Probablemente si, en estado dormente, coma as Redes Escarlata de Bretaña, Esmeraldina, que se converteron despois nas Células Lins Leabertkolm no momento de tomaren a prisión para levar adiante a fuga definitiva. 

Desde hai algún tempo estás vinculado ao movemento galego pola cultura marítima, da man da A.C. Dorna da Illa de Arousa, co Uxío Allo como patrón. Como chegaches a ese mundo e que experiencias che aproveitaron del? 

Cheguei a ese mundo porque quería aprender a navegar en dorna e en galeón. Volvemos ó primeiro! Porque quería escribir sobre a náutica tradicional, porque quería navegar polo Ulla, ese meu río da vida tatuado desde as paisaxes da infancia, desde Manselle. Paco Fernández Rei púxome en contacto con Uxío Allo e a partir de aí non só aprendín a navegar, tamén aprendín dun grupo humano extraordinario que é o mundo da Escola de Navegación Tradicional de Dorna. A súa paixón polo mar e pola dorna, por transmitila, as súas actividades e os seus horizontes de dignidade para a vela tradicional galega, no conxunto da Federación pola Cultura Marítima e Fluvial, son toda unha lección para a cultura galega nos nosos días. Naveguei deica Sálvora na Roxiña pasando polo norte do Con de Noro. Ese é o territorio do relato dos baleiros de Cesures. E naveguei cunha frota de dornas remontando o Ulla e o Sar en homenaxe a Rosalía. O “Que inchadiña branca vela” que facemos tódolos anos é un soño marabilloso que só se pode facer realidade grazas ó esforzo e á paixón do mundo da dorna. 

Presides desde xuño de 2012 a Fundación Rosalía, participaches no disco Rosalía21 con Abe Rábade e Guadi Galego e vés de publicar en Xerais senllas edicións anotadas de Cantares gallegos e Follas novas. A túa devoción rosaliana “non ten queixa”, xaora. Explícanos brevemente cales son os proxectos que estás impulsando na Fundación e cales son as novidades principais que sobre a obra e a imaxe de Rosalía achegan esas edicións comentadas. 

Na Fundación temos un proxecto de modernización para a entidade e principalmente para a Casa de Rosalía que afecta a múltiples aspectos. Quen visitara a casa antes de 2010 e quen a coñeza agora comprenderá a natureza e a importancia dos cambios operados. Tratábase de dignificar un espazo de singular relevancia para a cultura galega e que se encontraba nun estado lamentable despois de corenta anos. Pero aínda non rematamos. Agora mesmo estamos preparando as reformas museográficas e museolóxicas que afectan ó sobrado da casa, preparamos a saída á rúa da revista Follas novas de estudos rosalianos e a publicación dunha obra magnífica sobre O Xardín da Casa de Rosalía, da autoría de Carlos Dacal. As miñas edicións de Cantares e Follas son a miña lectura desas obras, coa introdución pertinente, as notas e os comentarios de cada un dos poemas. Reivindico Cantares coma un libro de alta literatura, non só de importancia simbólica. Con Follas novas intentei dar conta dun libro de libros, dun libro enorme en tódolos sentidos. 

Outra figura da túa devoción laica é Don Ramón Otero Pedraio, de quen fixeches unha edición do seu poemario Bocarribeira. Realmente son poemas pra “ler e queimar”? 

Non, penso que non. A vea poética de Otero, como xa se demostrou, non é menor ou insignificante. E estaba na onda do que escribían nos anos cincuenta Manuel María ou Uxío Novoneyra. 

Coñeces de primeira man e mesmo chegaches a compaxinar no mesmo curso a docencia no ámbito universitario e na secundaria. Que leccións tiraches da experiencia? 

A experiencia de dar clase, tanto na secundaria coma na Universidade, fíxome aprender todo o pouco que sei, no IES Carlos Casares do Meixoeiro en Vigo, onde esmorecera por completo o alumnado galego-falante e na FFT. Son dous mundos distintos, iso si. Nos dez anos que compaxinei as dúas docencias paseino un pouco apurado. E cando tiven que deixar o Instituto paseino moi mal. Faltábame algo, faltábame a vida toda da mocidade en plena adolescencia. É duro traballar co persoas nesa idade, pero tamén é fascinante. Agora, na Universidade, a docencia é máis relaxada, pero procuro pórlle a paixón que lle puxen sempre ás aulas de literatura. E eu sempre desfrutei do meu traballo como profesor. E aprendín moito, moitísimo.

Xa para rematar, comezamos un curso en que, infelizmente, dá os seus últimos pasos canto á implantación efectiva a LOMCE do inefábel Wert. Como avalías esa lei e que perspectiva coidas que ten o ensino público galego no inmediato futuro? 

Considero que a LOMCE supón un claro paso atrás. Creo que é unha lei reaccionaria e recentralizadora. Ademais está imposta por un único grupo político, carece dun consenso mínimo que sempre é esixible en asuntos tan importantes coma os do ensino. As continuas barreiras selectivas, de certo cheiro elitista, non fan máis que entorpecer o traballo diario do profesorado e do alumnado. O certo é que eu, que vivín a reforma da LOXSE na secundaria e o Plan Bolonia na Universidade, considero que o grao de ocupación do profesorado en tarefas burocráticas medrou dun xeito tan desorbitado que se achega ó realmente esperpéntico.


[Publicada orixinariamente en Aulas Libres 7, revista de pensamento, información e debate do STEG - Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza]

Galiza, Prensa, Transición: unha memoria que escoce

$
0
0

Na colección Memoria das Edicións Xerais de Galicia editouse no ano que acaba de pasar esta monografía de Marcos Pérez Pena, chamada a ser un referente imprescindíbel na súa temática.

A obra entrelaza con rigor metodolóxico e amenidade expositiva a historia do xornalismo e a historia política do noso país dun período que, afortunadamente, está hoxe en proceso de revisión crítica. O libro, xaora, contribúe decisivamente para esa necesaria relectura histórica desmitificadora, refrescando a memoria sobre axentes e dinámicas que marcaron o devir do país nos anos que van da morte do ditador Franco ao plebiscito autonómico galego e ao intento de golpe de Estado do 23-F.

Polas páxinas desta monografía e através do seu reflexo nas principais cabeceiras de prensa do país (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego e Faro de Vigo, fundamentalmente, aínda que non faltan referencias a outras como El Correo Gallego, La Región, El Progreso, A Nosa Terra, Teima, Man común...), desfilan as fortes e variadas tensións que presidiron aquela época, sintetizadas no dilema Reforma ou Ruptura. Ese dilema, no caso galego, abrangueu tamén o debate entre Centralismo, Estatuto de Autonomía ou Bases constitucionais. Como pano de fondo, unha Galiza que se urbanizaba, industrializaba e desgaleguizaba idiomaticamente a pasos axigantados, entre numerosos conflitos. As reviravoltas do proceso pré-autonómico son expostas con detalle, retratando sen panos quentes as posicións de cada quen.

Canda esa visión panorámica xeral, ofrécesenos, ademais, un detallado e interesante ensaio sobre as estratexias de adaptación, as tensións, os discursos e as apostas editoriais dos principais medios de prensa galegos nesa época. Corenta entrevistas a outros tantos protagonistas dan sustento ás explicacións e conclusións deste estudo.

A renovación técnica e xornalística por parte da maioría dos cabezallos e as mudanzas empresariais modernizadoras caracterizan o período, no que a información da actualidade política ocupa un espazo privilexiado. En opinión do autor, os medios foron por diante do conxunto da sociedade en moitos dos procesos de cambio, mais marcharon asemade moi por detrás dos sectores máis politizados e comprometidos, situados nas coordenadas do nacionalismo e/ou da esquerda. A partir de 1980, a viraxe ideolóxica en sentido conservadorista da práctica totalidade das cabeceiras da prensa diaria galega resulta unha evidencia.

De moito interese resultan as páxinas dedicadas ao fracaso do proxectado diario Galicia, á difícil traxectoria das revistas galegófonas Teimae Man común e ao semanario nacionalista A Nosa Terra.

Debe apuntarse, finalmente, que o autor non desimula a súa intención de homenaxear unha serie de xornalistas (digamos nomes como Francisco Pillado, Luís Álvarez Pousa, Xosé Ramón Pousa, Gustavo Luca de Tena, Rafael González, Xosé Antón Gaciño, Tucho Calvo, Juan Ramón Díaz, Xosé Luís Vilela, Vítor F. Freixanes, Ernesto Sánchez Pombo, Margarita Ledo, Primitivo Carbajo, X. R. García Palmeiro, Tareixa Navaza, Perfecto Conde, Maribel Outeiriño, Caetano Díaz, Manuel Rivas...) que naquel entón asumiron riscos profesionais evidentes para posibilitar unha sociedade galega máis libre, xusta e autoafirmada que, no entanto, dá a sensación que non acabou de coallar definitivamente. Daqueles barros, os lodos do presente...

[Publicado orixinariamente en Aulas Libres 7, revista de pensamento, información e debate do STEG]

100 ANOS DE IRMANDADES DA FALA

$
0
0


O 18 de maio de 1916 nacía a primeira das Irmandades da Fala, a coruñesa, no transcurso dunha xuntanza que se celebrou nos locais da Academia Galega, mais coa notoria ausencia do seu presidente, Manuel Murguía.

Para o éxito da feliz idea tres contributos resultaran decisivos: a boa disposición do histórico núcleo do rexionalismo na Coruña (Francisco Tettamancy, Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Florencio Vaamonde...); o labor divulgativo e de polémica coa supremacista Real Academia Española levado a cabo pola revista de Estudios Gallegos promovida en Madrid polo avogado e escrito ferrolán Aurelio Ribalta; e, finalmente, as propagandas constantes e incisivas a prol do idioma galego do xornalista viveirense Antón Villar Ponte na súa sección “Con letra del siete” no diarioLa Voz de Galicia e noutros medios como La Voz de la Liga, El Ciudadano, El Pirulí, etc.

A antecitada xuntanza foi o pistoletazo de saída para a articulación doutros agrupamentos semellantes, aínda que de traxectoria e relevancia moi dispar, en moitas outras cidades e vilas do país: Compostela (da man do catedrático Lois Porteiro Garea), Ferrol (da man do médico obreirista Xaime Quintanilla), Betanzos (Lois Cortiñas, Salvador Mosteiro...), A Estrada (Losada Diéguez), Vilalba (da man do avogado Lois Peña Novo), Pontevedra (Gastañaduy, Castelao...), Ourense (Lameiro, Hixinio V. Ameixeiras..., logo Arturo Noguerol, Risco, Cuevillas, Otero Pedraio)...

As Irmandades laboraron arreo no campo cultural, científico, artístico e literario e deixaron a súa pegada máis ou menos directa en infinidade de iniciativas. Xornais e revistas como A Nosa Terra, o ourensán O Tío Marcos da Portela (3ª época), o betanceiro Rexurdimento, o Galicia. Diario de Vigo, a infantil As Roladas e o emblemático boletín Nós. Editoras como “Céltiga” de Ferrol, “Alborada” de Pontevedra e “Lar” e “Nós”, da Coruña. Masas corais como “Toxos e Froles”, “Cántigas e Agarimos”, “Cántigas da Terra”, “Saudade” ou “De Ruada”. Institucións de cultura e investigación científica como o Seminario de Estudos Galegos. Plataformas teatrais como o Conservatorio Nazonal do Arte Gallego e a Escola Dramática Galega da Irmandade coruñesa. Exposicións de pintura, escultura e caricaturas de artistas como Castelao, Francisco Asorei, Camilo Díaz Baliño, Imeldo Corral, Álvaro Cebreiro, Bello Piñeiro, etc. Concertos do violinista Manuel Quiroga ou da Polifónica de Pontevedra. Primeiros plans pedagóxicos para a galeguización da escola, pioneiras aulas e conferencias en galego na Universidade (Porteiro Garea, Lois Tobío) e posta en marcha das Escolas do Insiño Galego na Coruña, da man de Ánxel Casal.

Cáseque todas as manifestacións da cultura galega coñecen por obra das Irmandades un pulo notorio. A literatura amplía notoriamente xéneros, públicos e temáticas. Xorden ou consolídanse minimamente o xornalismo e o ensaio científico na nosa lingua (especialmente no campo das Humanidades e das Ciencias Sociais, menos no Médico-Científico-Técnico). O teatro desenvólvese como nunca ata entón, mesmo sen acadar apenas profesionalización. Nacen escolas escultóricas e pictóricas con Galiza como referente temático e, sobre todo, ideolóxico. A música popular cobra importancia por medio de recolleitas e interpretacións dignificantes e a música culta retoma o esforzo primixenio do Rexionalismo (Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Baldomir...) e sae ao encontro da galeguidade en forma de rapsodias, arias, óperas, zarzuelas e baladas de temática galega ou vehiculizadas na lingua de Rosalía: velaí, por exemplo, O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte, en partitura de Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, ou A probiña está xorda, con libreto do propio Villar Ponte e música de Mauricio Farto.

Non foi menor o esforzo no plano ideolóxico e político. Das Irmandades foi o decisivo combate que se verificou nas primeiras décadas do século XX contra os principais prexuízos lingüísticos en que se amparaban as abundantes e variadas marxinacións do idioma galego nesa altura (desde carecer de estatuto de oficialidade ata estar totalmente ausente dos xulgados, das oficinas públicas, das igrexas e das escolas). Seu tamén o inxente e moitas veces incomprendido esforzo por avanzar nunha praxe sistemática no uso do idioma en todos os ámbitos sociais. Seus asemade, como non, os primeiros intentos normativizadores, non exentos de polémica: as directrices de reintegración expostas por Xoán Vicente Viqueira en A Nosa Terra en 1919, por unha banda, e o Compendio de Leandro Carré Alvarellos e a Gramática do idioma galego de Lugrís Freire, orientados ambos, por contra, cara ao isolacionismo.


Ás Irmandades debemos, así mesmo, as primeiras teorizacións definitivas sobre o carácter nacional de Galiza e sobre o seu conseguinte dereito á libre vida no concerto dos pobos da Península ibérica, de Europa e do mundo (Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, de Antón Villar Ponte; Doctrina nazonalista de Ramón Villar Ponte; Teoría do nacionalismo galego, de Vicente Risco).

A demanda de creación dunha Mancomunidade a partir das catro deputacións provinciais existentes, primeiro, e a reclamación dun Estatuto de Autonomía con Parlamento e Executivo propios, máis tarde, foron as dúas esixencias políticas consecutivas que as Irmandades defenderon, sempre partindo da base do dereito á propia soberanía e sempre abertas ao pacto federal ou confederal para a reformulación descentralizada do Estado español.

A constante preocupación polo campesiñado como clase depositaria das esencias máis auténticas do país, a proclamación da igualdade absoluta de dereitos para homes e mulleres e o pendor anti-imperialista foron algunhas notas que caracterizaron o movemento irmandiño, adrede accidentalista canto ás formas de goberno e exquisitamente neutral canto ás crenzas relixiosas, por máis que existise no seu sector confesional (Risco, Otero, Losada Diéguez, Filgueira Valverde...) unha permanente tentación de converter a fe católica en elemento consubstancial do “volkgeist” galego e en requisito ideolóxico para o galeguismo. Semellante pretensión sería contestada por Antón Villar Ponte no seu discurso de ingreso na Academia Galega (1934), significativamente intitulado por iso mesmo O sentimento liberal na Galiza.

Nesta perspectiva, cómpre recoñecer que foron constantes as tensións ideolóxicas e os debates tácticos no seo do movemento irmandiño,proba evidente do seu dinamismo e da súa heteroxeneidade constituínte. Discutiron sobre alianzas, sobre modelos organizativos máis ou menos horizontais, sobre normas estatutarias, sobre a participación ou non na política institucional e nas eleccións, sobre o carácter que debía ter o propio movemento (de “minorías escolleitas” ou “de masas”), sobre...

As Irmandades romperon co Rexionalismo galaico na Asemblea de Lugo (1918) chamándose para sempre “nacionalistas”, pactaron co Catalanismo conservador de Cambó para as lexislativas de febreiro de 1918, aplaudiron o norteamericano Wilson e o ruso Lénine polas súas doutrinas autodeterministas cando se asinou o Tratado de Versalles, procuraron alianzas con determinados sectores do Republicanismo, quixeron liderar o potente pero moi heteroxéneo Agrarismo galego, tiveron pulsións “Sinnfeininanas” mentres Irlanda sangraba na Pascua e plebiscitaba a Home Rule, ollaron para o Portugal da Renascença e do Saudosismo para propugnar un “Pangaleguismo” que non ficase en retórica...

Voltas e reviravoltas, acordos e trasacordos, clarificacións e confusións na procura dos camiños certos para que a Galiza do seu tempo deixase de ser mansa e trincase a escota desa liberación definitiva que aínda está pendente.

[Publicado orixinariamente na revista do STEG Aulas Libres, nº 7]

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (VII)

$
0
0
Orquestras, conxuntos e festivais emblemáticos

No período de posguerra foron frecuentes as visitas que realizou a Viveiro o cantante cubano Antonio Machín (1903-1977), famoso pola interpretación de boleros como “Angelitos negros”, “Madrecita” ou “Dos gardenias”.

Mais o fenómeno musical máis relevante desa época é, sen lugar a dúbidas, o esplendor das orquestras. Atrás quedan os acordeonistas solitarios ou os grupos de “tres e a caixa” ou “catro e a caixa” que amenizaran durante lustros os bailes e festas da contorna, en salóns ou ao ar libre. O impacto das formacións americanas, ao xeito de Glenn Miller ou Beni Goodman, ou a influencia que exercen grupos de música caribeña sobre orquestras galegas que viaxan por aqueles pagos, como “Os Satélites” da Coruña, que actúan por certo nas propias festas patronais de Viveiro en 1962, provocan ao unísono unha transformación musical sen precedentes, que transforma de vez os bailes e verbenas populares. Sobre os escenarios aparecen agora orquestras ao xeito de “big-bands”, con nutrida sección de metal, batería, órgano e baixo eléctricos, guitarras e un repertorio tinxido de cumbias, merengues, swings,fox-trots, etc. que se unen aos vellos tangos, boleros, pasodobres e habaneiras e que incluirá, xa contra os 60, as primeiras cancións estilo pop ou yé-yé.

No elenco de orquestras e conxuntos músico-vocais de Viveiro figuran nomes de forza evocadora como

  • a orquestra “Variedades”, fundada en decembro de 1930 polo trompetista Francisco López Díaz, o Curto, na compaña doutros músicos como o baixista Castro López Touriño, o saxofonista José Fernández Salgueiro Filomeno, o clarinetista Manuel Cora Lole de Manaí, o violinista Benigno Gómez Fernández Nito, o batería Víctor Varela da Peinada, etc. e infelizmente desaparecida en 2008, logo de décadas de magnífico quefacer musical (con músicos de valía como Marucho Gómez, Óscar, Cardís, Tito, José Luís Rivera, etc.). Non poucos dos integrantes da derradeira “Variedades” pasaron a integrar o grupo músico-vocálico “Escolma de Meus”, mentres que algúns dos seus elementos máis novos, como o vocalista Mario Gómez, fundarán o “Trío Vivarium”.

     
  • a orquestra “Amor”, integrada polos Tolinos, saga de excelentes músicos á que xa nos temos referido nunha entrega anterior deste mesmo traballo;

  • as orquestras “Capitol” e “Texas”; 
     
  • os conxuntos “Eteis” e “Os Estukas”;

  • a orquestra “Venus”, que protagonizou boa parte das verbenas das festas patronais de 1958 e da que era “representante, organizador y componente”, como rezaba a súa publicidade no Libro Programa de Festas de 1954, Perfecto Guerreiro Santín; 
     
  • a “Oriente” e a “Costa Nova”;

  • a “Sport”, creada nos anos 50 por Leandro e Ramón Pernas, músicos da banda dos Tolinos, con Jaime Pistolas e Carlos Carolino como vocalistas sucesivos; 
     
  • o conxunto de “Los Dominantes”, con Pacucho na batería, Chente da Urraca no baixo, O Rebello na trompeta e José Méndez, primeiro, e Atadell, despois, na voz;

  • os “Píndaros”, aqueles nenos gaiteiros de “Brisas do Landro” pasados agora á música de verbena que, na visión ofrecida por Chente Míguez na súa novela A lúa deitada en Porto Norte, 2011, p. 25, foron “precursores do rock bravú”, na medida en que “tocaban con frescura descarada para o público máis marchoso”;

  • os “Píccolos”, da familia dos Pérez Lage, con músicos talentosos desde a máis tenra infancia, como Pepe, Tino, Eloísa e Marta; 
     
  • a orquestra “Paradise”, na que nós mesmos, na compaña do cantante Xanferro e dos músicos Pablo Mateos (órgano), Gonzalo Couceiro (trompeta), Justo Ínsua (trompeta), Toni o Tigre (trombón), Matilde Balseiro (saxo alto) e algúns dos ex compoñentes dos desaparecidos “Dominantes” perpetramos algo de música co saxo tenor durante un par de anos, antes de marcharmos á Universidade;

  • os grupos “Nueva Generación” e “Dimensión 2000”...

No seo destas orquestras e conxuntos interviñeron vocalistas de mérito como Canana,Mancito, o Xanferro,Pistolas, o Carolino (Carlos Díaz), José Méndez, Mario Gómez... Algúns dos seus músicos saltaron do areópago local ao estrelato. Tal é o caso do píndaro Rasputín, músico de “Os Tamara” na época dourada deste grupo, coa voz de Pucho Boedo como referencia imprescindíbel. O saxofonista Pillo, que formou dúo coa pianista Natalia Lamas, foi un referente artístico de proxección internacional no seu instrumento. Tamén “Os Satélites” dispuxeron dun saxofonista nacido na vila do Landrove, Ramón, e Matilde Balseiro Blanco, que comezou na Banda municipal, pasou á “Paradise” e tocou logo con “Los Dos Españoles”, fai parte nos nosos días da formación que acompaña o grupo “Leilía”, un dos máis relevantes da música galega de raíz folclórica.

Nun lugar con tanta manifestación musical orquestral lixeira, non é de admirar que xurdisen iniciativas “festivaleiras”. A de maior relevancia foi, quizais, o “Festival do Landro”, fundado en 1965 a imitación doutros festivais da canción, como o de Benidorm, desaparecido en 1968, retomado entre 1983 e novamente desaparecido.

Pola mesma razón seguramente, a Vila de Viveiro comezou a acoller, a partir do derradeiro cuarto do século XX en adiante, grupos e artistas musicais de primeira liña e grande renome nos seus respectivos xéneros. Recordemos algúns. No 1979 viñeron cantar a Viveiro “Los Tres Sudamericanos”. No 85 actuaron “Los Tamara”. Ao ano seguinte, “Taranis”, “Saraibas” e o polémico grupo vigués “Semen Up”. No 1999, “Milladoiro”. Antonio Vega, Bebe, Xoel López, Uxía e Kepa Junquera no 2005. En 2006 “Los Brincos”, “Los Ronaldos”, Sergio Dalma, Kiko Veneno e a “Trova Camagüeyana”. En 2007, “Leilía”...

Desde 2006 Celeiro acolle o “Resurrection Fest”, un evento de difusión internacional e dimensións masivas, cita obrigada para os amantes da música heavy. Nesta súa última, que non derradeira, edición, acolleu a actuación nada máis e nada menos que do grupo “Iron Maiden”, congregando unha multitude que parece poder rebentar as costuras xeográficas da zona.

Da tradición musical de Viveiro (e VIII)

$
0
0

Coral Polifónica do Casino de Viveiro, en 1990
Corais polifónicas e iniciativas do Conservatorio

A alusión á melodía “¡”Viveiro!” de Plácido Holguín deunos pé nunha entrega anterior para referirnos á constante presenza en Viveiro de agrupacións orfeonísticas e coralísticas, ben de visita, ben propias. Falaremos agora algo sobre elas e daremos conta, ademais, dalgunhas das iniciativas que xorden do Conservatorio de Música que acolleu a exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”, orixe última deste traballo que aquí remata.

O movemento da música vocal colleu forza en Galiza a finais do século XIX, coa fundación de diversos “orfeóns” (o Brigantino, o Lucense, o Mindoniense...), algúns deles ben próximos xeograficamente á nosa Vila. Nos comezos do século XX, a tendencia derivou cara aos “coros populares” (“Cántigas da Terra”, “Toxos e Froles”, “Cántigas e Agarimos”, etc.), que ofrecían espectáculos en que se combinaban a música vocal e instrumental, o baile, a exaltación dos traxes tradicionais e mesmo o teatro. Posteriormente, o franquismo “aproveitouse” en parte deses coros por medio da Sección Feminina, baleirándolles boa parte do seu sentido dignificador da propia cultura e “folclorizándoos” na acepción máis pexorativa da palabra. Por último, a partir dos anos da Transición, aínda que con raíces en momentos anteriores, rexistrouse un relativo espertar dun determinado tipo de agrupamentos músico-vocálicos denominados “corais polifónicas”.

Viveiro participou dun xeito ou doutro en todas esas manifestacións, fose por activa, creando agrupamentos específicos, fose por pasiva, acollendo as xiras e actuacións dos agrupamentos creados noutras localidades.

En abril de 1914 chegou a Viveiro a rondalla, orfeón e cadro teatral da “Juventud Antoniana” de Lugo, que serviu de estímulo para que na entidade homóloga de Viveiro, que presidía Fernando Pérez Barreiro, nacese un orfeón, unha rondalla dirixida por Juan Latorre e un cadro declamatorio liderado polo noso bisavó o fotógrafo José Ínsua (Pepe da Mota). Ese orfeón da “Juventud Católica” viveirense interpretaría a peza “Libera me Dómine” do propio Latorre durante varios anos nos oficios de Defuntos das parroquias de San Francisco e Santa María do Campo e actuou nalgunhas veladas da propia entidade, ofrecendo ao público pezas como a “Alborada” de Veiga. En 1930 rexistramos un intento da “Juventud Católica”, auspiciado por Ángel Chao Ledo, de crear unha coral polifónica, mais sen moito éxito á prostre.

En 1916 visitan Viveiro dous coros mindonienses: en setembro o “Orfeón Veiga” e en outubro “Brisas del Masma”, que regresaría para actuar ao ano seguinte. En agosto de 1921 rexistramos a presenza do coro ferrolán “Toxos e Froles” e en setembro de 1922 a da rondalla ferrolá “Airiños”. En febreiro de 1925 actúa o coro “Cantigas e Aturuxos” de Lugo e en xuño dese mesmo ano un orfeón de Ortigueira. O coro “Ecos da Terra” de Ferrol visita Viveiro e actúa no Teatro Nemesio en decembro de 1926.

Os coros parroquiais de San Francisco e Santa María, e aínda o efémero da JUFRA que cantou en 1973 algunhas ceremonias relixiosas como a misa do Naseiro, cubriron durante boa parte da segunda metade do século XX as funcións coralísticas máis relevantes. Mais desde a década dos 80 desa centuria, produciuse o nacemento e consolidación en Viveiro de entidades corais do ámbito laico.

Durante as décadas de 80 e 90 do pasado século un dos números que compuxeron o agosto festivo viveirense foi o Festival Coral de Música Popular, que se celebraba na Praza, e ao que asistiron emblemáticas agrupacións como “Cántigas da Terra”, da Coruña, “Toxos e Froles” de Ferrol, a Polifónica Ferrolana, etc.. Estas agrupacións compartiron escenario coa Polifónica do Casino de Viveiro, que debutou en 1984 con Alfonso Mariño, tivo a seguir varios directores (Juan Carballal González, Antonio Álvarez Neira...) e pasou a se independizar da entidade recreativa matriz en febreiro de 2004, agora co nome de “Coral Polifónica Alborada”. Desde 1999 diríxea Luís Vicente Fernández Prieto, que xa pertencía con anterioridade á formación como vocalista, e presídea Teresa Penabad. En 1996, unha das integrantes desa coral, Dolores Fernández (do Cubilote), puxo en marcha un Coro Infantil no Casino.

Coral Polifónica Alborada, de Viveiro
Máis efémero e humilde foi o Coro do Instituto Nacional Mixto de Bacharelato de Viveiro (actual IES Vilar Ponte), na primeira metade dos anos 80 do pasado século, que dirixiu o sacerdote, traxicamente falecido en datas recentes, Manuel Crespo Prieto, o Tonis. Vicente Casas e nós mesmos figuramos entre as súas voces. Facía os ensaios de 3 a 4 da tarde, antes de entrar ás clases e as súas actuacións “estelares” limitábanse a algúns festivais do instituto e a visitar en épocas sinaladas o Asilo de Anciáns, para darlle algo de entremento e diversión ás persoas alí recollidas.

Se na longa e rica relación de Viveiro coa música, que intentamos reflectir nas entregas deste traballo, hai un momento de especial importancia, que marca un antes e un despois, ese non é outro que a creación do Conservatorio de Música de Viveiro, a mediados dos anos 80. O novo centro formativo veu culminar dalgún xeito toda esta fervenza musical atesourada na tradición viveiresa, para proxectala desde o rigor formativo e a profesionalidade cara ao futuro.

Son centos xa os músicos e músicas formadas nas aulas deste Conservatorio e é cada vez máis frecuente encontrar no currículo dos nomes que protagonizan a música culta galega dos nosos días referencias á súa estadía formativa na nosa vila. A título de exemplo, o noso propio fillo Santiago estuda percusión nun Conservatorio Elemental, o de Cambados, que está dirixido neste intre por unha rapaza de Burela, Nelly Iglesias, que se formou integralmente no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Ao nome desta profesora de piano aínda habería que engador tantos outros, como os de David Bellas, David Catá, Tamara Lorenzo Gabeiras, Javier Fajardo Pérez-Sendín, Felipe Sánchez, Miguel Pita, Efraím Díaz, etc., etc., etc.

Á calor do traballo deste centro educativo musical formáronse puntualmente algúns agrupamentos novidosos na historia musical da vila, como é o caso do Grupo de Clarinetes “Sol en Cuarta”; do Coro do Conservatorio, creado en maio de 1997 e dirixido sucesivamente por Antonio Alvarez Neira (Dosi), Luz Bermúdez, Vicente Casas e, de novo, Antonio Álvarez Neira; do “Grupo de Improvisación”, dirixido polo profesor de piano e acordeón Lino Rico e composto ademais por Felipe Sánchez (guitarra), David Bellas (saxofón), Juan Carlos García (clarinete) e Fino (batería); a “Big Band”, que naceu no ano 2000 baixo a batuta de Víctor Illán e renaceu en 2005 da man de Delio Presas Carrera; o “Grupo de Canto do Conservatorio”, que interviu, por exemplo, nos actos de conmemoración do sesenta cabodano de Antón Noriega Varela, en marzo de 2007; o Coro de Cámara en setembro de 2013, agora rebautizado “Tempus fugit”, que promove e dirixe Javier Fajardo Pérez-Sindín; ou, apenas hai un mes e da man de Carlos Timiraos, a Banda Infantil do Conservatorio.

Deste xeito, cabe confiar en novas promocións de músicos e músicas competentes saíndo cada ano deste Conservatorio de Viveiro, apesar de que a insensibilidade dalgúns gobernantes faga que non esteña aínda integrado e financiado como debera na rede de centros dependentes da Consellaría de Educación.

Cabe soñar, asemade, cunha sociedade cada vez máis culta, sensíbel e formada musicalmente, que eleve o listón cultural e humanista de Viveiro aínda máis alto e que programe ou alente, directa ou indirectamente, unha nova fornada de iniciativas, grupos e expresións musicais que poidan dar pé a que dentro de algúns anos, algún outro individuo tan entusiasta e traballador como Antonio Navarrete faga unha nova recompilación retrospectiva de fotografías, partituras e gravacións como a que tivemos o privilexio de contemplar na exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”. Para aquela, voces máis competentes e autorizadas que a nosa farán deste traballo que aqui finalizamos un humilde chanzo no camiño ascendente para o coñecemento do noso rico e valioso pasado musical.

UN TRABALLO REVELADOR SOBRE OS PRIMEIROS ANOS DO EXILIO AMERICANO DA PINTORA VIVEIRENSE MARUJA MALLO

$
0
0



Na Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid constituíuse no seu día un Centro de Estudos Galegos que, entre outras moitas actividades, ven editando anualmente desde 1998 a revista Madrygal, baixo a dirección de Carmen Mejía Rey e a secretaría de Ricardo Pichel e Javier Rivero.

Nas páxinas desta publicación, concretamente nos volumes 16 (2013) e 17 (2014), apareceu un traballo sobre a pintora Maruja Mallo debido á tamén viveirense de nación Mª Antonia Pérez Rodríguez (filla do Charrán), profesora na Universidade da Coruña, experta documentalista, estudosa da actividade cultural e editorial do exilio galego en México e Arxentina, recoñecida especialista na figura de Manuel Bujados e actual presidenta da emblemática Asociación Cultural “O Galo” de Compostela.
 
Na primeira entrega (vol. 16, páxs. 73-86), Mª Antonia ofrece unha pormenorizada análise da correspondencia cruzada entre o 20 de febreiro de 1938 e o 25 de agosto de 1945 entre a artista e o escritor e diplomático mexicano Alfonso Reyes (1889-1959). Son un total de vinte e tres epístolas que Mª Antonia transcribe e anota con rigor exquisito, na continuación, no volume 17 (páxs. 81-98) de Madrygal. 

O traballo de María Antonia resulta enormemente revelador, por canto achega información moi valiosa para comprendermos o decorrer dos primeiros anos do exilio americano de Maruja Mallo. Coñecemos agora, con algún pormenor, cal foi a rede de acollida de que se valeu a pintora na súa aterraxe bonaerense, os lugares en que residiu inicialmente (casa do escritor Raúl González Tuñón, embaixada de México e embaixada de España), as estratexias que despregou para asentar nese novo medio socio-cultural e para satisfacer as súas lóxicas necesidades pecuniarias, os vaivéns das súas relacións de amizade con algunhas outras artistas e intelectuais (Gabriela Mistral, Victoria Ocampo, Rosa Mª Oliver…) e a súa participación non pequena na posta en marcha de dúas grandes editoras do Novo Continente, como foron “Losada” e “Sudamericana”.

Grazas a Mª Antonia temos agora mellor dimensionada tamén a fonda relación que uniu a nosa pintora co xornalista de orixes uruguaias, promotor da editora “Atlántida” e relevante autor de literatura infantil Constancio Cecilio Vigil (1876-1954). A enfermidade e morte deste home causoulle a Maruja unha das máis fondas depresións experimentadas ao longo da súa vida, maior se cadra que a vivida antes da guerra civil cando se produciu a súa ruptura sentimental co poeta gaditano Rafael Alberti.
 Precisamente para unha das coleccións da editora Atlántida, denominada “Billiken” e dedicada aos clásicos da literatura xuvenil, fixo Maruja Mallo diversas ilustracións, traballo este do que nunca presumiu, talvez porque fose afrontado unicamente pro pane lucrando. Tamén Castelao botaría man deste recurso para gañarse a vida nos primeiros compases do seu exilio bonaerense. Cómpre ter presente que varios intelectuais galegos máis traballaron para a editora de Vigil, como Rafael Dieste (e a súa esposa Carmen Muñoz), Otero Espasandín ou Luís Seoane.



Coñecemos nesta correspondencia, da mesma maneira, o labor de Maruja como encargada da confección de decorados para a posta en escena da Cantata en la tumba de Federico García Lorca, do propio Alfonso Reyes, que representaría na sala Smart de Bos Aires en decembro de 1937 a compañía de Margarita Xirgú, con música do compositor catalán Jaume Pahissa (1880-1969).

Viña sendo un segredo a voces, en fin, que Maruja Mallo, a partir de certa altura, abandonou o seu activismo pro-republicano e anti-franquista no exilio, rompeu vínculos con destacados membros da intelectualidade galega (Blanco Amor, Seoane…) e se acomodou no trato habitual con segmentos moi privilexiados, conservadores e aristocráticos da sociedade arxentina, logo vinculados máis ou menos directamente ao peronismo. Así o poñen de manifesto o seu traballo de decoradora e deseñadora de mobles para a casa Comte en Bos Aires e os seus períodos vacacionais nos máis luxosos hoteis de Punta del Este (Uruguai), que aproveitaba para vender obra entre a jetbrasileira e porteña que alí veraneaba. A este respecto, indica a propia Mª Antonia (2016: 79) que"durante sete anos Maruja permaneceu dentro desta esfera relacional, quizais porque iso lle permitía introducirse no nicho social con maior capacidade económica de Arxentina (…). Ficar nese círculo debe entenderse contemplando a súa condición de muller soa nun país extranxeiro onde os exiliados non gozaban de aprezo". 

O traballo de Mª Antonia Pérez abre, en definitiva, fiestras polas que pasa nova luz sobre a etapa do exilio da pintora de Viveiro, no camiño dunha biografía completa e exacta á que no seu día, humildemente e aínda que haxa quen queira negárnolo e ande a nos marxinar cando pode de programas e actos, tamén contribuímos.


A PROPÓSITO DUN ENSAIO DE X. R. BARREIRO E LÓPEZ MORÁN SOBRE MARUJA MALLO

$
0
0

Ampliando o coñecemento dese inmenso continente artístico, a medio explorar aínda, chamado Maruja Mallo.

A veterana editorial galega Galaxia, de Vigo, puxo en marcha en datas recentes un novo selo denominado “Mar Maior”, coa loable intención de dar a coñecer entre o público de fala hispana algunhas das manifestacións, producións, figuras e obras literarias máis senlleiras da cultura galega de todos os tempos.

Unha das primeiras publicacións editadas baixo ese novo selo corresponde ao ensaio Maruja Mallo. Una memoria en construcción. Series y obras desconocidas de la etapa americana, debido ao coñecido historiador, catedrático emérito e ex presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e mais á súa esposa, doutora e especialista en historia social Beatriz López Morán.

O volume, de 117 páxinas, presenta unha edición moi coidada e pulcra e nace cun obxectivo fundamental, que acada brillantemente: dar a coñecer series e obras da etapa americana de Maruja Mallo ata o presente non catalogadas, na procura dunha necesaria listaxe razoada e totalizadora da súa produción. 
 
A descuberta de todo este novo material artístico, detrás de cuxa pista andou no seu día o chorado amigo Fausto Galdo, permítelle aos autores do ensaio matizar algunhas avaliacións críticas deitadas anteriormente sobre a traxectoria da pintora e completar o elenco dos seus motivos temáticos. Atinada de vez é a súa reivindicación do carácter de incansábel traballadora da nosa artista, fronte a certas visións que alentan sobre ela unha deformadora imaxe de frivolidade.

A pesar da súa brevidade, é ben substancioso o epígrafe en que os autores do ensaio repasan o proceso de recuperación experimentado pola obra da artista de Viveiro desde a súa instalación definitiva en Madrid en 1965, ao regreso do exilio, ata a propia actualidade.

Non menos interesantes resultan as súas reflexións arredor das condicións en que Maruja Mallo tivo que desenvolver a súa existencia no exilio bonaerense, non sempre cómodas nin favorábeis. Entre elas cabe salientar, como xa explicou en parte Mª Antonia Pérez na revista Madrygal ao se ocupar da correspondencia entre Maruja e o escritor mexicano Alfonso Reyes, a súa relación comercial privilexiada coas elites sociais da Arxentina durante o peronismo, o seu traballo como decoradora para a Casa Comte, as súas rupturas con determinados núcleos intelectuais, como o dos galegos na Arxentina (Seoane, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste, Lorenzo Varela…) ou o de Victoria Ocampo e a revista Sur, e, por último, o poderoso apoio recibido, cando menos ata 1946, de empresarios culturais como Natalio Botana e Constancio Vigil.

Barreiro Fernández e López Morán advirten sobre a posibilidade de que en Chile, en Perú e na zona andina da República Arxentina se encontre dispersa e sen catalogar aínda, en coleccións particulares sobre todo, moita outra obra de Maruja, a maiores da que eles propios rescatan no volume en cuestión, que organizan en dous grandes apartados: “Series desconocidas” e “Obras desconocidas de las series ya establecidas”. Con razón afirman que “del período americano solo tenemos un conocimiento muy epidérmico y vago”.

Saen aquí á luz por vez primeira, efectivamente, nada menos que dúas series inéditas: “Gatos”, con sete obras feitas en Bos Aires entre 1943 e 1944, como témperas sobre cartolina negra de 63’5x48 cm., e “Gallos”, 5 témperas elaboradas entre 1943 e 1944, co mesmo tamaño e técnica que a serie antes citada.

Achéganse logo, ademais, novas pezas pictóricas doutras series coñecidas: varios óleos de temas mariñeiros (redes, estrelamares, peixes, rostros de muller…) concomitantes coa coñecida serie “La religión del trabajo”, 8 cadros de “Naturalezas vivas” (que se suman así aos 16 xa coñecidos), algunha nova “Cabeza de muller negra”, tres novas entregas máis da serie “Máscaras” e un par de novas composicións encadrábeis na serie “Atletas y bailarinas”.

Tamén recollen Barreiro Fernández e López Morán dous figurinos deseñados por Maruja Mallo en tinta e lapis de cor para algunha obra teatral, varios deseños decorativos con elementos vexetais e animais feitos á témpera sobre cartolina e mesmo algunha peza cerámica, como a titulada “Mujer con rulos”.

En definitiva, fica aínda moito por explorar dese continente artístico inmenso chamado Maruja Mallo e resulta imposíbel discrepar de Barreiro Fernández e López Morán cando afirman, ao poñeren ramo ao seu magnífico e impagábel traballo: “nuestra gran pintora aún nos reserva hallazgos imprevistos”.

ENTREVISTA CON VALENTINA FORMOSO

$
0
0


Nada en Ribadomar-Outes e licenciada en varias Filoloxías, Valentina Formoso é unha das persoas de referencia no ámbito da normalización da nosa lingua, mercé á súa constante e variada actividade nese campo e ao seu clarificador estudo Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico (Eds. Xerais, 2013). Vinculada á xa infelizmente disolta Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), quixemos conversar con ela sobre as razóns que levaron a esa disolución, sobre o estado actual do idioma e sobre a vixencia dalgunhas das propostas que ela mesma colocou na obra antecitada despois de levarmos varios anos de ferreña aplicación do mal chamado decreto de plurilingüismo.


Antes de máis, aínda que talvez non che resulte agradábel andar a remover no tema, queremos preguntarche polo contexto e polas razóns desa disolución da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, aprobada na xuntanza que celebrou o 23 de setembro de 2016.

As razóns da disolución creo que están en relación co contexto. En realidade a CGENDL disolveuse pola inexistencia dunha candidatura ao Consello directivo que viñese substituír ao que eu encabezaba desde 2009. Durante o curso 2015-2016, desde o consello directivo xa avisamos que non iamos renovar máis e que esperabamos que se presentase alguén para continuar co proxecto, mentres nós quedabamos en funcións, xa sen unha programación deseñada coma os outros anos. Estivemos ese curso e aínda fomos facendo algunha cousa, como unha videoconferencia para o Día da Ciencia, que nos demandaban as escolas; a colaboración nos Encontros do Consello da Cultura; a difusión de actividades dos Equipos, a presenza nas redes... Mais xa non se podía máis. Das persoas que conformabamos ese consello directivo, catro levabamos desde 2009 mallando a diario, era moito tempo. Varios membros foron mudando pero mesmo nos que levaban menos tempo tamén había cansazo e problemas persoais que impedían que puidesen seguir. Ese era o contexto na contorna próxima. Daquela, resumindo: non se presentaron candidaturas, non houbo posibilidade de continuar, houbo que disolver.
A razón de que non xurdiran candidaturas? Iso habería que preguntarllo ás persoas que están en Equipos polo país adiante e non deron un paso adiante. Mais creo que ten que ver co contexto no que nos movemos que acaba sendo o do enorme cansazo e, se cadra tamén, da perda da ilusión.

Que número de equipas e que comarcas do país chegastes a coordinar en todo o período de funcionamento? Que aspectos, positivos ou negativos, salientarías da experiencia?

Isto é difícil de calcular para dar un número exacto precisamente polo propio funcionamento das comarcas e dos equipos. Houbo comarcas que estiveron funcionando desde o principio da Coordinadora, mesmo algunha - como a do Barbanza, a de Santiago ou a do Salnés - existían desde antes. A verdade é que o impulso realizado para activar as coordinadoras comarcais foi moi importante e deu moi bos froitos. Así naceron algunhas que perduraron no tempo, a do Morrazo, Terra de Melide, Coruña, Umia, A Estrada ou a do Carballiño. Outras tiveron efecto Guadiana, apareceron un ano ou dous, desapareceron ao curso seguinte, nalgúns casos volveron rexurdir, estou pensando na de Verín ou na do Deza. As causas do mantemento, ou non, adoitaban estar ligadas á existencia, ou non, de persoas que asumisen a coordinación. De igual xeito pasa co número de equipos que formaron parte das coordinadoras, que tamén varía de ano a ano, neste están sete centros e para o ano dez, pero non só se suman tres, senón que mudan dous... Tamén depende moito das persoas coordinadoras e das súas circunstancias: poderen ou non moverse ás reunións, teren ou non un verdadeiro Equipo que impulse o traballo normalizador e asuma o funcionamento dun necesario traballo coordinado entre ENDL de diferentes centros, que axude, impulse, aforre custos, esforzos... Estes son os aspectos positivos que todo o mundo percibe cando está nas coordinadoras comarcais, ao que lle hai que sumar aquel que ten que ver con sentirse apoiado e reforzado por un grupo, tanto para presentar actividades nos propios centros, como para intercambiar ideas e mesmo para facer terapia, aspecto tamén moi necesario. O illamento das persoas coordinadoras dos Equipos, cando estas teñen realmente ganas de traballar, provoca o que eu chamo efecto chamuscado. O labor que hai por diante é moito, os atrancos máis e os resultados poucas veces están á vista a curto prazo, hai que loitar con mil elementos entre os que está un discurso moi daniño que se escoita a diario. Por último, cómpre ter en conta que somos persoas que traballamos ás ordes e ao “desamparo” dunha Consellería e dunha SXPL. 

Na páxina web da Coordinadora queda un repositorio de materiais moi valiosos e interesantes, mais que teñen data de caducidade (en decembro de 2017 tedes previsto apagar esa web). Falemos algo sobre eles. Comecemos polas campañas. Cales foron máis efectivas e interesantes, ao teu ver?

Interesantes creo que foron todas, aínda que este sexa un adxectivo demasiado subxectivo. A efectividade sería medible, mais vai depender - falando en termos curriculares - de que items coloquemos na rúbrica que empreguemos para avaliar. Se pesa máis a visibilidade, a eficacia sobre o público albo ao que estaba dirixido pode ser unha, se falamos de implicación directa de persoas da comunidade educativa, pode ser outra e se pensamos en verdadeiros efectos normalizadores, se cadra outra diferente.

Unha vez dito isto, eu creo que en termos de visibilidade, sen dúbida, a campaña de Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego foi a máis destacada. Quería enviar unha mensaxe clara e creo que chegou a todas partes, ademais produciu moitos materiais que actuaron como símbolo dun movemento de protesta nun momento moi concreto no que foramos duramente atacados e no que se buscaban elementos para dar resposta de forma proactiva. Da mesma maneira funcionou a nosa primeira campaña As linguas suman, mais xa con outro pouso e máis centrada no ensino. A de orgullos@s trascendeu os centros escolares, algo que non pasou co resto porque en realidade todas estaban centradas na comunidade educativa (desde a de Nais e Pais ata a da LOMCE, pasando pola do Decreto). Houbo outra, a do Galego natural - realizada en colaboración coa Universidade de Vigo - que tamén repercutiu fóra do ámbito de actuación da CGENDL, que son os centros escolares de ensino non universitario.

Puxestes en marcha nalgún momento iniciativas como o premio Leixaprén, os Encontros de Equipos e o Día da Ciencia en Galego. Como as avalías? Quedou algunha iniciativa no tinteiro que che pareza relevante para realizar nun eventual futuro?
 
Non só eu, senón todas as persoas que estivemos no Consello directivo, facemos unha valoración moi positiva destas actividades, aínda que tiveron unha traxectoria moi diferente. O primeiro que hai que resaltar é que son actividades nas que participou unha grande cantidade de equipos e que repercutiron en moitísimo alumnado, nomeadamente o Día da Ciencia en Galego, e que nalgúns casos, coma o desta última, funcionaron grazas á axuda externa que tivemos. Para a celebración da actividade estrela do Día da Ciencia en Galego, a videoconferencia, tivemos a colaboración - ademais dos expertos que accederon a falar - das plataformas técnicas que nos ofreceron as universidades, sobre todo a de Santiago que nos deu servizo durante catro anos. Realizáronse seis edicións para secundaria que, cada ano, chegaron a arredor de seis mil alumnos/as de case cen centros (número límite que debiamos poñer para a emisión). Para primaria organizáronse tres edicións nas que participaron anualmente arredor de catro mil alumnos/as.

O Premio Leixaprén era unha iniciativa que viña desenvolvendo a Coordinadora do mesmo nome desde 1999 nun espazo moi concreto que ía desde Muros a Rianxo, pasando por Mazaricos, Outes, Noia, Lousame, Rois, Dodro e Porto do Son. Nacera coa idea de ser un premio a nivel galego e desde a Coordinadora démoslle esa dimensión. Organizouse durante tres anos e o problema que nos presentou era o que xa había cando o organizabamos desde a C. Leixaprén: a organización da entrega e o orzamento para o premio.

Os Encontros de Equipos foi unha actividade que nos produciu tamén moita satisfacción porque foi moi ben recibida. Coa súa frescura e orixinalidade conseguimos xuntarmos para autoformarnos ao tempo que compartimos experiencias, algo fundamental.

En canto ás iniciativas que quedaron no tinteiro: retomar a Semana das curtas que só tivo unha única pero moi exitosa edición e, sobre todo, algo que levabamos todos os anos no programa e que nunca conseguimos desenvolver. Trátase de dúas actividades ligadas ás novas tecnoloxías e aos usos da rapazada. Unha moi concreta que buscaba prover de politóns en galego para móbil e outra que impulsase o uso do galego en todo o que ten que ver coas redes sociais nas que se move a rapazada. En relación con esta última tamén nos quedou por facer unha campaña de dignificación da lingua, algo que cremos urxente e imprescindible e que sen ela vai ser difícil que triunfen outras accións. Pero non pensamos nunha campaña desas banais con mensaxes simples, nas que se gastan moitos cartos en mercadotecnia e teñen moi pouco efecto práctico; senón unha campaña deseñada en varias fases, na que se buscase implicación real de toda a comunidade educativa para acadar os obxectivos deseñados. 

Tamén cómpre referirse ás publicacións da Coordinadora. Explícanos que obxectivos e peculiaridades específicas tiñan A letra miúda (6 números), Ollos de aula (22 números) e Exprés (5 números).

Comezo por Ollos de aula como revista que encheu un espazo moi necesario, daquela e aínda hoxe, e que tiña como particularidade que se deseñaba para editarse en dous formatos, dixital e mais papel. Enviábase aos centros cada mes e desde os equipos fíxose unha distribución moi grande nos dous formatos para achegala a toda a comunidade educativa. Naceu como unha publicación dirixida ás familias que tratase temas que a estas lles interesan e lles preocupan. Tiña unhas seccións fixas, tres das cales dependían dun grupo de persoas colaboradoras: dúas eran colaboradoras estables (Lines Salgado e Gracia Santórum) e outras iámolas buscando para cada número, segundo o que quixésemos tratar entre os e as especialistas de cada tema. Así, durante tres cursos, foise dando resposta a preguntas que circulan sempre arredor da escola, desde a que anos cómpre que se aprenda a ler, ata o polémico tema das tarefas escolares, pasando por unha explicación de siglas e conceptos que se empregan no ámbito educativo. Tamén se facían recomendacións culturais e se anunciaban eventos de interese. A contraportada sempre a dedicabamos a enviar mensaxes de tintura normalizadora.

A letra miúdapensouse sempre como revista dixital e tiña como público destinatario o profesorado. Pretendía fornecelo de bagaxe sociolingüística que puidese axudalo a crear un argumentario necesario para saír do paso de tanto discurso oco, simplón e prexuizoso que lle chega por todas partes sen base ningunha. Encheuse con artigos de especialistas - galegos e foráneos - nos que se achegaban desde datos sociolingüísticos de Galicia ata reflexións sobre aspectos cruciais como a planificación, a dinamización, a normalización, o proceso de estandarización, a ecolingüística... Tamén ten un apartado de recensións de obras con contido sociolingüístico e outro de ligazóns a publicacións de interese que se atopan na rede. Deseñouse nun principio como revista trimestral, mais logo íase publicando segundo ían chegando as colaboracións.

Por último, Exprésconcibiuse como unha publicación dixital de novas da Coordinadora. Facía as veces do típico boletín que teñen moitas organizacións ou institucións no que se achegan todos aqueles avisos que están vixentes no período no que se edita. Nel lembrabamos actividades que tiñamos en marcha, mandabamos o enlace ás publicacións das outras revistas, informabamos dos comunicados ou notas de prensa que emitiamos... Era moi xeitosa pero tivo poucos números porque comezamos coa idea xa algo tarde. 


A disolución da Coordinadora coincide no tempo cun panorama bastante preocupante, no que o mal chamado Decreto de Plurilingüismo parece estar xa a render os froitos desgaleguizadores para os que, sen dúbida, foi concibido. Datos recentes apuntan a que apenas o 18% dos meniños e meniñas de Galiza teñen o galego como lingua inicial e que máis do 75% das escolas infantís nunca ou apenas o empregan. Para alguén coma ti, que tanto levas currado no campo normalizador, que supón escoitar estes datos?

Dóenme, pero non me sorprenden. Os datos son terribles, mais non fai falta atender moito a estudos, case - nestes casos - chega con facer sociolingüística de orella por parques ou escolas. A Era lingüística Feijoo dá os seus froitos dun xeito moitísimo máis acelerado ca a sementeira tradicional que levaba décadas con colleitas que ían dirixidas cara a este resultado no que agora estamos. Mais ninguén pensaba que en tan poucos anos se ía notar tal desfeita. Desde o goberno manexaron o discurso, incidiron nunha sociedade que coñecen ben e puxeron os medios para asentar a súa política lingüística de xeito eficaz. Escoitar datos, ou escoitar discurso sobre a lingua na rúa, ou escoitar a nais e pais galegofalantes falarlles en castelán aos nenos e nenas, ou escoitar todas as aulas de materias científicas en castelán, ou escoitar falar o profesorado de infantil, entre outras moitas cousas, supón darse conta do seu triunfo. O imaxinario social existente arredor da lingua, no que priman as representacións negativas da mesma, non muda porque un goberno - que se caracteriza por defender unha ideoloxía lingüística que non quere que o galego sexa unha lingua de pleno dereito no seu territorio - non quere que mude. Isto acaba derivando nunhas actuacións por parte da cidadanía que teñen consecuencias terribles a curto prazo. O peor de todo é que conseguen facerlles crer aos galegos e galegas que a responsabilidade de non transmitir a lingua é de nais e pais que buscan o mellor para os seus descendentes. Desde o goberno axudan a facerlles entender que o mellor non é que aprendan nin que saiban galego, por iso non impulsa medidas realmente normalizadoras, como o fomento do galego desde idades temperás nas escolas ou a posibilidade de impartir calquera materia na lingua propia. Seguimos con materias vetadas ao galego, unha das mostras máis significativas da súa intención. 

Con Kabatek, Ana Iglesias e outros sociolingüistas, foches das investigadoras sobre a realidade do idioma que nos aprendeu a contemplar calquera tarefa normalizadora tendo moi presentes “os imaxinarios” (e daquela tamén os “prexuízos”) operantes nas condutas idiomáticas do alumnado. No teu ensaio Do estigma á estima ofreceches unha batería de reflexións e propostas que aínda non tiveron realización. En que medida coidas que estamos hoxe peor ou mellor que daquela e cantas desas propostas túas continúan tendo vixencia? Debemos facer menos cousas e mellor? 

Mellor non estamos e o paso do tempo sempre xoga en contra do enfermo se non se lle aplican remedios. Eu creo que - como nada se fixo - todas as propostas teñen vixencia. Xa o levo dicindo en toda a entrevista e volvo insistir aquí: hai que mudar o imaxinario con respecto á lingua, e, a partir de aí deseñar un plan de normalización que atenda a todos os sectores. Alén diso temos que afrontar o discurso do plurilingüismo inclusivo, tirar a lingua do debate partidario, etc, etc...

En canto ao se debemos facer menos e mellor... non sei dicirche. Eu creo que temos moito por facer e non vale dicir que non se consegue nada e quedar parado, pero tampouco non podemos dar paus de cego. Cómpre planificación xeral, saber a onde imos e que gran de area temos que achegar cadaquén e de que xeito. Non por facer menos se fai mellor, mais tampouco se pode facer por facer, xa que isto deriva no efecto chamuscado do que falei arriba. Hai que traballar de xeito planificado e coordinado e de cara a un obxectivo común, para poder así ver algún resultado que axude a tomar azos para seguir.

Penso que - de forma case xeral - todo o colectivo do profesorado implicado na normalización da lingua o tenta facer o mellor posible e se esforza a diario, algúns de forma titánica. Con todo, a min gustaríame sinalar que me parece que temos pendente unha reflexión colectiva - a nivel profesorado - sobre un par de asuntos moi relevantes neste momento. Un deles ten que ver coa valoración e tratamento que facemos da lingua que aínda fala o alumnado ou da que queremos que fale o que xa non a mamou. A outra ten que ver como entendemos o labor normalizador nos centros. Pasaron dez anos da etapa do bipartito e do impulso que naquel momento se lles daba aos Equipos para que actuasen nunha dirección. Nin os tempos nin as circunstancias son aquelas, nin parecidas. As necesidades medraron e variaron, e os recursos - non só económicos, senón tamén humanos e mesmo espirituais - minguaron. Hai que afrontar tamén isto.

Por último, en que proxectos cívicos ou investigadores andas embarcada, agora que xa pasaches páxina do labor na Coordinadora?

A LOMCE acaba co espírito investigador do máis pintado! Vivo mergullada en estándares, perfís competenciais, unidades didácticas integradas... Con todo, recoñezo que a cabra tira ao monte e andei embarullada este curso nunha pequena investigación sobre o imaxinario existente na mocidade arredor da onomástica galega. Pediume expresamente Anabel Boullón que traballase nese asunto para presentar algúns datos no último Congreso de onomástica. Como me era imposible de asumir a min soa por falta de tempo, busquei a axuda de Ana Iglesias, coa que xa estivera facendo unha investigación anterior, e aí estivemos as dúas navegando no discurso arredor da onomástica, no que descubrimos algún aspecto moi interesante de cara á normalización da lingua. Vimos de rematar agora un artigo cos resultados.

Tamén ando botando unha man - cando as circunstancias persoais e laborais mo permiten - nalgunhas actividades nas que me piden colaboración. Neste momento nada máis.

[Publicada orixinariamente na revista do STEG Aulas libres, nº 8]

Viewing all 101 articles
Browse latest View live