Quantcast
Channel: A ÍNSUA DO ÍNSUA
Viewing all articles
Browse latest Browse all 102

NA MORTE DE LUÍS REI

$
0
0
A morte de Luís Rei golpéanos o corazón e énchenos de bágoas os ollos, mais cómpre non deixar de dicir nesta hora, non por agardada menos amarga, canto de inmenso foi o cariño que o rodeou nas últimas reviravoltas do seu camiño e que excelente e impagábel resulta o legado humano, intelectual e persoal que nos deixa.
Luís foi, desde adolescente e ata hoxe, un político honesto, comprometido e entregado á causa dos menos poderosos e á reivindicación da nación negada pero sempre viva.
A cultura galega en xeral e a do Salnés en particular tivo na súa persoa un paladín xeneroso, entusiasta e incansábel. Dedicou anos e anos de esforzo a estudar a figura de Ramón Cabanillas, escribindo unha biografía brillante e definitiva sobre o autor de Vento mareiro e divulgando constantemente as marabillas da súa obra. 
Loitou igualmente pola recuperación e dignificación da cultura marítima, organizando encontros, montando exposicións e pilotando a revista Ardentía,que garda para sempre nas súas páxinas as súas lúcidas reflexións sobre o mundo do mar, que tanto amou porque nese mundo ten raíces ben fondas a súa propia estirpe. 
Divulgou en artigos e traballos espallados en toda caste de revistas numerosos aspectos, anécdotas, feitos históricos e personaxes do seu Salnés, moi particularmente das dúas vilas que constituíron os esteos da súa identidade, Cambados e Ogrove. 
E, por se todo isto non abondase, despregou durante varias décadas, en constante diálogo cunha lexión de persoas da cultura e do ensino que acabamos absolutamente prendados del, do seu talento e da súa capacidade, todo o seu bo facer como técnico cultural na vila do albariño, enchéndoa de bo teatro, boa música e boas exposicións de arte.
Desde hoxe, un baleiro inmenso ábrese en todas e cada unha das moitas almas que tivemos a sorte e o privilexio de compartir de perto con Luís o seu paso pola vida, mais tamén resultará desde hoxe o seu nome evocado, para todos nós, unha bandeira limpa e fresca para seguirmos loitando por todas as causas nobres que el propio defendeu. 
Descansa en paz, camarada, inmenso amigo, irmán!

Viewing all articles
Browse latest Browse all 102

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú